O Bloque denuncia a política de recortes da Xunta no ensino público, que afectan gravemente a varios centros do concello e poñen en risco a calidade e a igualdade educativa xa que “o alumnado con necesidades de apoio é o máis afectado”. Reclaman ao goberno local a convocatoria do Consello Escolar Municipal para abordar as necesidades dos centros e animan á cidadanía a participar na manifestación convocada para este sábado 13 en Compostela.
O BNG alerta que a Consellería de Educación suprime unidades e reduce profesorado de apoio en diferentes centros de ensino de Redondela. A situación, explican dende a formación nacionalista “é especialmente preocupante naqueles centros onde hai unha porcentaxe elevada de alumnado con necesidades específicas e onde a Xunta recorta en profesorado de Pedagoxía Terapéutica, profesionais imprescindibles para atender ao alumnado con máis dificultades”.
Engaden dende o Bloque que este inicio de curso escolar confirma que as problemáticas seguen a ser as mesmas que as de outros anos: a falta de recursos, a supresión de unidades, a ausencia de apoios suficientes para o alumnado con maiores necesidades e a falta de transporte escolar para o alumnado de bacharelato. A realidade é que “a Xunta deixa sen resposta ás demandas da comunidade educativa de Redondela, condenando ás familias e ao profesorado a iniciar o curso nas mesmas condicións deficientes que xa denunciaron o ano pasado”.
O voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González, afirma que “o PP está castigando aos centros que apostan pola inclusión, eliminando recursos imprescindibles para garantir a igualdade de oportunidades”. Lamenta igualmente que o goberno de Digna Rivas non teña convocado o Consello Escolar Municipal para prantexar as necesidades dos centros educativos.









