Foto de arquivo da pasada tempada do CD Choco
O Club Deportivo Choco encara a nova tempada en Preferente Galicia cun proxecto renovado, ambicioso e cheo de ilusión. Baixo a dirección do novo adestrador, Alberto Rabadán, acompañado por David Melendre, ‘Schuster’, e un corpo técnico de cinco profesionais, o club redondelán aposta por un futuro centrado na canteira, a xuventude e un fútbol vistoso que volva encher as bancadas do Campo Municipal de Santa Mariña.
Despois dunha tempada 2024/2025 de infarto, na que o CD Choco logrou a permanencia contra vento e marea —grazas a unha vitoria administrativa ante o Cented Academy e ao liderado de Juan Amoedo nas últimas xornadas—, o equipo encara agora un novo capítulo. Rabadán, coa ambición de levar ao equipo máis alá da salvación, foi claro nos seus obxectivos: “A permanencia é unha obriga, pero non o único. Queremos xogar para gañar cada partido, con fútbol atractivo, dinámico e alegre. A nosa meta é sumar os 40 puntos canto antes, idealmente nas primeiras 14 xornadas, e facer que a afección goce cada domingo”. O técnico confía en que o estilo de xogo conecte coa afección e encha Santa Mariña de entusiasmo.
Resultados iniciais e próximos retos
A tempada non comezou como se esperaba para os equipos locais. En Preferente, o CD Choco caeu por 3-0 ante o Club Lemos na primeira xornada, pero ten unha oportunidade de ouro para resarcirse este domingo ás 17:30 horas no Campo de Santa Mariña, onde recibirá ao CD Valladares nun duelo que promete emoción.
En Primeira Galicia, o CD Arcade tamén tropezou na súa estrea, cunha derrota por 3-0 ante o Marcón Atlético. Este domingo, como local, buscará os primeiros puntos fronte ao Caldas CF, nun encontro que será clave para recuperar a confianza.
Arranque en Segunda e Terceira Galicia
A emoción do fútbol local exténdese ás categorías inferiores. En Segunda Galicia, a tempada bota a andar esta fin de semana, co CD Soutomaior debutando fóra de casa ante o SD Romay. Pola súa banda, en Terceira Galicia, o Atlético de Villar estrearase no Campo Municipal de San Martín ás 17:30 horas fronte ao CD Areosa, mentres que o CD Cesantes visitará ao Campaño SD e o Chapela CF enfrontarase ao E.F. Norbert Losada a domicilio.









