Hoxe é Mércores 6 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As protestas propalestinas na Vuelta chegan ata o Castelo de Soutomaior

vuelta 1

A mítica carreira ciclista chegou hoxe a nosa comarca marcada polas protestas propalestinas e as mobilizacións contra a participación do equipo de Israel nesta proba. Ademais das ducias de persoas ataviadas con panos palestinos e bandeiras que recibiron ao pelotón con berros contra Israel no cruce de Pierres en Arcade, as protestas chegaron ata o Castelo de Soutomaior, onde ondearon as bandeiras palestinas en sinal de protesta ao berro de “Palestina vencerá”.

“Non é unha guerra, é un xenocidio” con ese berro foron recibidos os ciclistas que participan en La Vuelta ao seu paso por Arcade, nunha nova acción reivindicativa en contra da participación do equipo de Israel nesta proba deportiva. A protesta contou con mulleres ataviadas de negro que portaban sudarios e chegou ata o Castelo de Soutomaior coa “toma da fortaleza” onde ondearon tamén as bandeiras palestinas.

Entre os colectivos que secundan esta protesta está o colectivo propalestino de Redondela que se ten convertido en todo un exemplo de resistencia porque dende hai praticamente dous anos todos os luns protagoniza unha concentración diante do concello para protestar contra o xenocidio que se está a cometer en Gaza e o exterminio do pobo palestino.

Neste sentido unha das súas integrantes Beatriz Carrasco, integrante tamén do movemento solidario con Palestina BDS, explica que o obxectivo destas protestas é “botar a Israel de todos os escenarios posibles, dos culturais, dos diplomáticos e dos deportivos” e critica o branqueamento que supón a presenza do equipo de Israel nesta proba con tanta repercusión.

Por outra banda explica que nos últimos tempos a repulsa ante o que está a acontecer está a incrementarse e que as voces que defenden a Israel cada vez están máis reducidas aos grupos de ultradereita “as imaxes e as información que nos chegan fai que a poboación se sensibilice cada vez máis contra un proxecto colonial que busca exterminar aos palestinos”.

Nese contexto xorden as numerosas protestas que están a marcar La Vuelta, unhas protestas que buscan ser pacíficas pero que nalgúns casos se están a traducir en cargas policiais e detencións como o acontecido este domingo en Lugo.

Protestas neste caso sen incidentes que tamén se deixaron sentir hoxe en Arcade. Maior repercusión tiveron as protestas no tramo final. A carreira tiña que rematar no casto de Herville en Mos pero a presenza de centos de persoas que cortaba a estrada levou á organización a decidir que a etapa rematase oito kilómetros antes da meta.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará