Hoxe é Martes 30 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O goberno reclama no Ministerio de Fomento a gratuidade da AP-9 e a seguridade vial na N-555

RR_Noticias

A alcaldesa de Redondela Digna Rivas, acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar, viaxará o mércores a Madrid para, nunha apertada axenda, manter reunións con responsables de Fomento “de cara a afondar na solución daqueles temas que o Ministerio ten pendentes co municipio”, entre eles a gratuídade da peaxe en Rande e a mellora da seguridade vial na N-555. Manterán tamén unha xuntanza cos responsables de Portos do Estado para amosar o seu rexeitamento ao depósito de contedores que planea a Autoridade Portuaria.

Rivas e Villar manterán xuntanzas de traballo con Julián López Milla, secretario xeral de Infraestruturas; Javier Herrero, director xeral de Estradas; Carmen Sánchez, subdelegada do Goberno de Autoestradas e Javier Anibarro García, asesor do ministro de Transportes.
Sobre a mesa os problemas da AP9, dende a reclamación de gratuidade da peaxe con Vigo ata os problemas que leva ocasionados á veciñanza “que se alongan no tempo e que precisan dunha solución áxil e axeitada”.
A seguridade viaria na N-555, estrada que comunica Redondela co aeroporto de Peinador “unha reclamación histórica por parte de veciños e veciñas” apuntaba Digna Rivas, tamén será posta sobre a mesa de traballo de cara a que se realicen actuacións concretas “que garantan a seguridade dos que percorren o treito de estrada que lles leva ao centro urbano e que non posúe beirarrúas”. Demandarán tamén “a instalación dun semáforo nas inmediacións do colexio de Cesantes, petición longamente demandada tanto polos veciños como pola comunidade escolar”.
Digna Rivas e Roberto Villar manterán tamén, durante a súa estancia en Madrid, unha reunión con responsables de Portos do Estado para reafirmar o rexeitamento do Goberno local ao depósito de contedores que planea a Autoridade Portuaria e para trasladarlle tamén o sentir da Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón sobre ese proxecto que, apuntou Rivas “conta con informes claros sobre o prexuízo medioambiental sobre un espazo incluído na Rede Natura 2000, como económico aos centos de familias que teñen o seu sustento nas labores mariñeiras”.
Digna Rivas, agradeceu “a rapidez” con que o Ministerio de Fomento respondeu a súa solicitude de reunión e non dubida “a predisposición dos organismos competentes nas distintas materias, para resolver temas prioritarios e urxentes para o noso municipio”.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará