O club redondelán impúxose na categoría xuvenil masculina na primeira regata da temporada, disputada onte en augas de Coruxo. A xornada estivo marcada polo forte vento, con triunfo de Tirán no absoluto masculino e de Náutico Riveira no feminino.
O campo de regatas do Vao acolleu a primeira proba da liga de traiñeiriñas coa III Bandeira Remeiros de Vigo. O día estivo marcado por un forte vento do norte, o frente que non cobre a illa de Torralla nesa praia da parroquia de Coruxo. O vento e as ondas bateron contra as embarcacións, e tocou sufrir. A categoría con maior participación na proba foi a sénior masculina, con 22 barcos. O máis rápido foi Tirán Pereira, que superou en dous segundos a Mecos e a dezaseis quedou Vilaxoán. En xuvenís presentáronse cinco barcos e a proba converteuse nunha man a man entre Chapela e Mecos. Impúxose o barco de Redondela cunha marxe de seis segundos. O podio pechouno Samertolameu, pero a case dous minutos, o que sitúa aos dous primeiros como os equipos de referencia desta temporada. Pola súa banda, na categoría feminina viviuse unha vitoria incontestable de Náutico de Riveira, con Samertolameu na segunda posición, pero a corenta segundos do triunfo. Bueu completou o podio por diante de Tirán e Coruxo, co barco de Chapela na sexta praza. A campaña continuará este fin de semana cunha dobtre cita. O sábado a regata é en Cambados coa Bandeira do Alvariño, e o domingo en Tirán coa Bandeira de Moaña.