Hoxe é Xoves 26 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Plataforma da EP-2702 retoma as mobilizacións ante a Deputación por non incluír a reforma integral da estrada

ep2702

Dous accidentes consecutivos volven evidenciar a perigosidade da vía, mentres a veciñanza denuncia a falta de avances nas obras do primeiro kilómetro e considera insuficiente a actuación prevista pola Administración provincial para o resto da vía, reducíndose a un “parcheado” no que se contempla o ensanche da calzada nin a rectificación dos puntos máis perigosos.

Os accidentes reavivan a preocupación dunha veciñanza que leva anos denunciando a perigosidade deste tramo e reforzan as reivindicacións da Plataforma en Defensa da EP-2702, que reclama unha reforma integral da estrada e non actuacións puntuais de mantemento.

O colectivo prepara unha nova visita á Deputación este venres para esixir compromisos concretos. A decisión adoptouse tras un novo encontro veciñal no que se acordou retomar e intensificar as mobilizacións segundo nos explicaba Angel Domínguez.

A Plataforma denuncia, ademais, a falta de avances no primeiro tramo, no que estaba previsto acometer a ampliación da calzada pero que se está a demorar debido a que non están traballando todos os días.

O malestar da Plataforma vén tamén do proxecto aprobado pola Deputación o pasado 13 de novembro, cun investimento próximo aos 1,5 millóns de euros, para actuar nun tramo de sete quilómetros. Unha actuación que a veciñanza denuncia que se limita esencialmente a un novo asfaltado, sen abordar as deficiencias do trazado. O colectivo insiste en que son necesarias actuacións estruturais, como o ensanche da calzada e a rectificación dos puntos máis perigosos e que non van permitir que se faga este “parcheado” que é só unha “remendada para taparnos un pouco a boca, pero que non serve para nada”.

A Plataforma advirte de que manterá a presión institucional e as mobilizacións ata conseguir unha reforma que garanta unhas condicións de circulación seguras. «Non estamos pedindo ningún luxo, reclamamos seguridade, dignidade e o dereito a circular sen xogar coa vida», sinalan desde o colectivo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará