Preto de 2.000 nenos e nenas de Redondela e Pazos de Borbén recibirán unha libreta e unha caixa de lapis de cores para participar nesta iniciativa que busca promover a corresponsabilidade desde a infancia.
A través da campaña «Pinta a correspons-habilidade: A arte de compartir», o alumnado de Infantil e Primaria está convidado a realizar un debuxo que represente a súa maneira de entender a colaboración nas tarefas da casa, o coidado das persoas, a axuda mutua e o reparto de responsabilidades.
Para facilitar a participación, a Federación está a repartir nos centros unha bolsa para cada neno e nena con material para desenvolver a actividade: unha libreta, unha caixa de lapis de cores, unha folla con códigos QR para acceder ao xogo da corresponsabilidade e cartaces da campaña.
A iniciativa pretende ir máis aló do propio debuxo. A Federación anima os centros educativos a habilitar espazos visibles nos que expoñer as creacións do alumnado, converténdoas nunha exposición colectiva que dea voz ás súas ideas e faga visible a importancia de compartir as tarefas e os coidados.
Esta campaña enmárcase no conxunto de actividades que a Federación de ANPAS de Redondela está a desenvolver nos últimos meses no marco dos programas «Correspons-habilidade: A arte de compartir» e «Filtros, likes e vidas IM-PERFECTAS», que inclúen intervencións nas aulas, obradoiros para familias, contacontos, espectáculos dirixidos tanto ao alumnado como ás familias, monólogos e diferentes actividades educativas e de sensibilización. Un traballo continuado que busca implicar a toda a comunidade educativa e promover, desde diferentes espazos e etapas da vida, a igualdade, a corresponsabilidade e o benestar emocional contribuíndo tamén á defensa e ao fortalecemento do ensino público.









