TERCEIRA DIVISIÓN NACIONAL
REDONDELA FS RODAVIGO 3 – 3 SALA OURENSE 2014
O Redondela FS Rodavigo empatou 3-3 ante o Sala Ourense 2014 no Pavillón Municipal de Santa Mariña nun encontro no que os locais tiveron ocasións suficientes para levarse os tres puntos.
O conxunto redondelán comezou por detrás no marcador, pero reaccionou con rapidez e conseguiu darlle a volta ao resultado. Adrián, no minuto 15, Fabio Vinycios, no 16, e Mario, no 23, foron os autores dos goles locais.
O Redondela chegou a poñerse por diante no marcador, pero o Sala Ourense conseguiu establecer o definitivo empate no minuto 32. Nos últimos minutos, os locais dispuxeron de numerosas ocasións para conseguir a vitoria, aínda que a falta de acerto de cara a portería impediu que os tres puntos quedasen en Santa Mariña.
Un dos aspectos destacados do encontro foi o debut de Adrián xogador xuvenil de primeiro ano, que ademais conseguiu marcar un gol e completou unha boa actuación.
Con este empate, o Redondela FS Rodavigo mantense na cuarta posición da clasificación xeral. Na próxima xornada visitará ao Sport Sala FS.
MARÍN FUTSAL 2 – 2 SD PAZOS DE BORBÉN FS
O primeiro equipo do SD Pazos de Borbén FS sumou un punto na súa visita ao Marín Futsal tras empatar 2-2 nun encontro no que os de Pablo Durán mereceron mellor resultado.
O conxunto de Pazos realizou un bo partido, pero volveu acusar a falta de acerto nas accións ofensivas. Os visitantes atopáronse cun gardameta local moi inspirado e chegaron a estrelar ata cinco balóns nos paus, nun encontro no que as ocasións non se traduciron en máis goles.
Costas e Pereira foron os autores dos tantos do equipo de Pazos, que se sitúa na sétima posición da táboa clasificatoria.
Na próxima xornada, o SD Pazos de Borbén FS recibirá ao Concello de Begonte FS “9”.
PREFERENTE
PIZARRAS LOS TRES CUÑADOS FS 3 – 6 CAMPITO CHAPELA FS
O Campito Chapela FS conseguiu unha importante vitoria a domicilio ao impoñerse por 3-6 ao Pizarras Los Tres Cuñados FS no Barco.
O equipo de Chapela sumou tres puntos nunha saída complicada e continúa avanzando na competición. Este resultado permítelle situarse na cuarta posición da clasificación xeral.
Na próxima xornada terá un novo compromiso esixente, xa que recibirá ao ADI Vianariño FS, actual segundo clasificado.
SD PAZOS DE BORBÉN FS “B” 3 – 6 MARÍN FUTSAL “B”
O filial do SD Pazos de Borbén FS non puido sumar na casa e caeu derrotado por 3-6 ante o Marín Futsal “B”.
REDONDELA FS – SAMOA CAFÉ & TAPAS “B” 4 – 5 CRECENTENSE FS
Tampouco tivo fortuna o filial do Redondela FS, que perdeu por un axustado 4-5 ante o Crecentense FS nun encontro con nove goles no marcador.
PRIMEIRA FUTGAL
AREALONGA FS CHAPELA 5 – 2 CD A PAZ FS
O Arealonga FS Chapela continúa coa súa boa dinámica de resultados tras conseguir unha nova vitoria no seu pavillón. O conxunto berete impúxose por 5-2 ao CD A Paz FS e sumou así o seu terceiro triunfo consecutivo.
Os tres puntos permiten ao Arealonga manterse na segunda posición da clasificación xeral, confirmando o bo momento que atravesa o equipo nesta fase da competición.
Na próxima xornada desprazaranse para enfrontarse ao Club Deportivo La Peña.









