Hoxe é Luns 23 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior presenta o orzamento máis alto da súa historia con 6,4 millóns de euros

souto orzamento

O Concello de Soutomaior aprobou en pleno, cos votos a favor do goberno local -BNG e PSOE- e os votos en contra do Partido Popular, un orzamento de 6,48 millóns de euros para 2027, o que supón un 5 % máis que o exercicio anterior. O goberno salienta que este documento inclúe máis investimentos e máis protección social sen subir os impostos “mantendo a estabilidade económica, a sustentabilidade financeira e a conxelación das taxas municipais”.

Un “orzamento histórico” en palabras do calcalde, Manu Lourenzo quen destacou que este documento que ascende a máis de 6.484.000 euros “responde ás necesidades de Soutomaior e supón máis protección social, máis investimento e máis atención ao rural, sen subir os impostos”. Un orzamento que asegura é “froito dunha boa xestión económica do goberno local”.

Un dos aspectos máis destacados destas contas é que o Concello mantén a ausencia de débeda financeira e presenta un aforro neto positivo de máis de 370.000 euros. O orzamento cumpre cos criterios de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, respecta o límite de gasto non financeiro e garante a autonomía e suficiencia dos recursos propios para manter uns servizos públicos eficaces e eficientes.

A protección social é unha das grandes prioridades destas contas ao experimentar un incremento superior ao 25 %, ata alcanzar os 1.174.598 euros, destinados principalmente ao Servizo de Axuda no Fogar e á dependencia.

Ademais, o orzamento reserva 20.000 euros para emerxencias sociais e 4.500 euros para axudas de material escolar, reforzando os recursos municipais para atender as necesidades das familias e das persoas que máis o precisan.

As actuacións económicas tamén experimentan un importante impulso, cun incremento superior ao 26 %, ata situarse nos 606.600 euros. Dentro desta partida destacan os 217.452 euros destinados á conservación e reposición de camiños veciñais do rural, unha aposta polo mantemento das infraestruturas e pola mellora da calidade de vida nas parroquias.

O capítulo de investimentos reais aumenta un 33,27 %, ata alcanzar os 370.377 euros. Entre as actuacións previstas inclúense 123.000 euros para saneamento, con cargo ao canon de Viaqua.

O Goberno municipal explica que o volume de investimento responde tamén a unha planificación previa que permite optimizar os recursos. Así, a partida destinada á redacción de proxectos urbanísticos redúcese porque a maioría dos proxectos necesarios xa están contratados, en execución ou pendentes de informes.

O Concello estima un aforro superior aos 90.000 euros na organización de eventos “grazas á contratación anticipada e á captación de máis financiamento externo” explican dende o Concello.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará