Hoxe é Xoves 19 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Miguel Borines e Tatán, os rostros de Tanxarina que triunfan en Netflix con El crimen de Pazos

serie horizontal

A miniserie El crimen de Pazos recupera un dos casos de violencia machista máis estremecedores acontecidos en Galicia. A produción de Bambú Producciones, de tres episodios, está inspirada no asasinato de Isabel Fuentes, cometido polo seu marido, Aniceto Rodríguez Caneiro, en 2015, no hospital de Ourense onde ela permanecía ingresada tras sufrir unha primeira agresión. Unha serie con marcado acento galego que nada máis estrearse en Neflix o pasado venres 13 situouse como a serie máis vista en España e a quinta producción máis vista a nivel mundial na plataforma.

A historia sitúase na localidade de Pazos, en Verín, onde a parella levaba unha vida aparentemente normal ata que Isabel foi atacada na súa propia casa. Aniceto sostivo que foran uns ladróns os responsables da agresión, pero as sospeitas dun garda civil sobre a súa posible implicación foron medrando. A pesar das advertencias e das peticións de protección, Isabel nunca chegou a contar coas medidas necesarias para garantir a súa seguridade. Finalmente, o 8 de maio de 2015, Aniceto asasinouna no hospital.

Na serie, Miguel Borines é o encargado de interpretar a Aniceto e convértese nun dos grandes protagonistas da ficción, dando vida ao home arredor do cal xira a investigación. O actor e titiriteiro da compañía Tanxarina, afrontou o papel cunha gran responsabilidade, documentándose a través de fotografías e crónicas xornalísticas para construír un personaxe complexo e inquietante. Xunto a el participa Tatán, outro dos actores galegos que forman parte do elenco, interpretando o papel dun veciño que, nun primeiro momento, tamén defende a inocencia de Aniceto. Os integrantes de Tanxarina amosan a súa satisfacción por ter participado nunha serie que aborda a violencia machista e a situación de desamparo no que moitas veces quedan as vítimas.

A relativa proximidade do caso, no tempo e no espazo, pero tamén a súa universalidade é o que, ao seu entender, atrae a uns espectadores que se están a render masivamente a esta produción que vai máis alá da reconstrución dun crime: pretende denunciar a violencia machista e os fallos dun sistema que non foi quen de protexer a vítima.

O feito de poder consumirse “dunha sentada” ao resumir en tres episodios toda a historia e ser ademias moi fiel aos feitos reais, son outros dos atractivos deste true crime.

A serie conta con Tristán Ulloa, que interpreta o sarxento da Garda Civil convencido da culpabilidade de Aniceto, así como con Carlos Blanco e Verónica Sánchez. Dirixida por Carlos Sedes e creada por Ramón Campos, Gema R. Neira e David Orea, a ficción pon o foco tanto na investigación como nas consecuencias persoais e profesionais que deixou o caso.

Achegámonos a experiencia de Miguel Borines e Tatán, durante a preparación e a rodaxe, na construción dos seus personaxes e no impacto de participar nunha historia real tan dura e próxima. Unha conversa que permitirá coñecer desde dentro unha serie que recupera un episodio tráxico da historia recente de Galicia e que volve poñer sobre a mesa a necesidade de actuar a tempo fronte á violencia contra as mulleres.

Screenshot
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará