A campaña do 25N leva por nome “Non me veñas con contos!” e impulsa unha programación que combina reflexión, participación nas rúas e obradoiros para cuestionar os canons de beleza impostos, combater a gordofobia, xerontofobia e sexismo e reivindicar a diversidade corporal. A primeira das actividades será este xoves na Biblioteca Luís Seoane coa charla coloquio ás 19:30 horas. A programación inclúe tamén os obradoiros «Corpos libres, miradas diversas», centrados na autoestima corporal, a prevención da violencia estética e a gordofobia, xerontofobia e sexismo con inscrición previa en liña antes do 20 de novembro.
A campaña polo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este ano pon o foco na violencia estética, quere visibilizar unha forma de violencia moitas veces normalizada e que se manifesta a través das presións sociais, os estereotipos e os mandatos de beleza que condicionan a relación das mulleres cos seus propios corpos.
A programación arranca este xoves ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal coa charla-coloquio «Corpos libres, mentes sas» na que se abordará a relación entre alimentación, nutrición, saúde e canons de beleza impostos, analizando como o corpo e a comida poden converterse en ferramentas de control.
Na mesa, moderada pola xornalista Laura Fresneda, participarán Lidia Folgar, dietista e nutricionista; Claudia Bedoya, médica especialista en saúde dixestiva e inmunonutrición; e Lidia Fernández Lorenzo, técnica en nutrición. A entrada será libre ata completar o aforo.
O sábado 21 de novembro, as rúas de Soutomaior e Arcade e a praza de Talo Río converteranse no escenario de «Os contos saen á rúa», unha performance urbana na que personaxes clásicos como Branca Neves, Cincenta ou A Sereíña romperán cos moldes tradicionais para rebelarse contra os mandatos de beleza. A actividade incluirá tamén a lectura do manifesto do 25N, nunha proposta simbólica para reivindicar o dereito de cada persoa a construír a súa propia identidade e reescribir o seu propio final.
A programación continuará cos obradoiros «Corpos libres, miradas diversas», centrados na autoestima corporal, a prevención da violencia estética e a gordofobia, xerontofobia e sexismo. Terán lugar os días 23 e 30 de novembro e 14 e 21 de decembro, en horario de 17:00 a 20:00 horas, no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos). A participación será gratuíta, con inscrición en liña desde o 13 de novembro ás 9:30 horas ata o 20 de novembro, ou ata completar as prazas dispoñibles.
A campaña completarase coa intervención visual «Aquí adestran corpos libres!», que levará aos espazos públicos e deportivos do municipio unha serie de siluetas para visibilizar e reivindicar a diversidade corporal, fronte ás imposicións estéticas e aos modelos únicos de beleza.
Con esta programación, o Concello de Soutomaior quere aproveitar o 25N para abrir espazos de reflexión e diálogo, cuestionar comportamentos e mensaxes que perpetúan a violencia estética e avanzar cara a unha sociedade na que todas as persoas poidan vivir os seus corpos con liberdade, respecto e sen xuízos.












