O Concello de Soutomaior ultima as obras de humanización do camiño de Lourido, unha actuación cun investimento de 180.000 euros que transformará 580 metros de vía para mellorar a accesibilidade, reducir a velocidade do tráfico e reforzar a seguridade peonil, ao tempo que renovará os pavimentos e poñerá en valor elementos patrimoniais tradicionais como a fonte, a poza e o lavadoiro.
O proxecto, presentado á veciñanza polo alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, o concelleiro de Obras, Pablo Garrido e o enxeñeiro de Infourban, Marcos Díaz, actuará sobre un percorrido de 580 metros de lonxitude e unha superficie global de 2.320 metros cadrados coa creación de tres áreas de calmado de tráfico, nas que se dará prioridade aos desprazamentos peonís e á convivencia entre vehículos e persoas.
Para iso, establecerase un límite de velocidade de 10 km/h na zona residencial e incorporarase sinalización vertical de prioridade peonil nos accesos ás áreas de calmado. Ademais, colocaranse bandas transversais nas entradas e saídas destas tres zonas para advertir os condutores e favorecer a redución efectiva da velocidade.
A intervención tamén permitirá integrar e ordenar os 13 puntos de sobreanchos existentes ao longo do trazado, aproveitando estes espazos para mellorar a organización da contorna e habilitar zonas de estacionamento delimitadas mediante franxas de sinalización visual e física.
No apartado de pavimentación, o formigón coloreado será o material principal da calzada e das zonas de plataforma compartida, proporcionando continuidade estética e diferenciando visualmente os espazos destinados ao calmado do tráfico. Pola súa banda, instalarase lousa de granito nas zonas de preferencia peonil e nos contornos dos elementos patrimoniais, especialmente arredor das fontes e do lavadoiro.
O proxecto incorpora tamén actuacións de mobiliario urbano e mellora ambiental. Nas tres áreas de calmado instalaranse bancos de pedra como espazos de descanso e papeleiras para a recollida de residuos. Así mesmo, crearase unha nova zona verde con plantación de árbores na área 1 e incorporarase máis arborado na área 2.
En materia de accesibilidade, construirase unha nova rampla no contorno dunha das áreas de calmado, facilitando os desprazamentos peonís e eliminando barreiras. A actuación completarase coa integración e posta en valor do conxunto patrimonial tradicional formado polo lavadoiro, a poza e a fonte, elementos que forman parte da identidade da contorna de Lourido.









