A SAR OPmobility continúa invicta e consolídase no liderado da Primeira Autonómica tras vencer por 19-30 ao BM Moaña. Os redondeláns dominaron o encontro desde o inicio e marcharon ao descanso cunha vantaxe de cinco goles (8-13). Na segunda metade mantiveron o control e ampliaron progresivamente a diferenza ata selar un contundente triunfo a domicilio.
Con esta vitoria, a SAR suma 12 puntos e sitúase en solitario no primeiro posto, por diante do Seis do Nadal. Na próxima xornada defenderá o liderado na Bomboneira, onde recibirá ao AD Carballal.
Pola súa banda, o Balonmán Chapela perdeu por 28-24 na súa visita ao Balonmán Atlántico e puxo fin a unha serie de tres vitorias consecutivas. Foi un partido igualado, no que se chegou ao descanso con empate a 14 goles. Os de Chapela mesmo conseguiron poñerse por diante nos primeiros compases da segunda metade, pero o Atlántico reaccionou e recuperou o mando nos últimos dez minutos para levarse o triunfo.
A derrota deixa ao Chapela na cuarta posición da clasificación. Na próxima xornada terá unha nova cita importante ao recibir ao Balonmán Línea 21, rival directo na loita pola terceira praza.









