A parroquia de San Martiño de Ventosela prepárase para celebrar as festas na honra do seu patrón cun programa de actividades que combinará música, tradición, xogos populares e actos relixiosos durante os días 7, 8 e 11 de novembro.
Os festexos arrancan este sábado día 7 cunha verbena a partir das 21:00 horas, amenizada polo grupo JB Son. A programación continuará o día 8 cunha tarde chea de propostas para todos os públicos. Ás 16:30 horas haberá xogos tradicionais infantís, organizados polo Centro Cultural de Cedeira. Ás 18:30 horas será a quenda das pandeireteiras Ledicia de Trasmañó, seguidas, ás 19:00 horas, do coro tradicional Tirapuxa de Trasmañó. Ás 19:30 horas actuará o grupo de baile As Zumbeiras e, para rematar a xornada, ás 20:00 horas, chegará a música de Refulgallo Rock.
O día grande das celebracións será o 11 de novembro, festividade de San Martiño. A xornada comezará a partir das 10:00 horas con pasarrúas amenizado pola Banda de Música de Redondela. Logo das citas relixiosas das 12:30 horas, terá lugar un concerto da Banda no adro da igrexa, seguido da actuación de Gran Marcela.
Haberá castañas asadas e viño do país. O remate das celebracións incluirá tamén o sorteo dunha cesta.
Os festexos están organizados coa colaboración da Asociación Veciñal Deportivo Cultural Miñoteira, a Deputación de Pontevedra e outras entidades colaboradoras.









