A iniciativa, impulsada polo Ministerio de Educación, conta coa participación de institutos de Córdoba, Huesca e Irún ademais do de Chapela e ten unha duración de dous cursos académicos. O programa leva por nome “Educamos, coidámonos e acompañamos: uso de metodoloxías activas cunha mirada cara o benestar emocional do alumnado”.
O IES Chapela participa neste proxecto de forma conxunta co IES Galileo Galilei de Córdoba, o CIFP Montearagón de Huesca e o CIFP Plaiaundi de Irún. Os catro centros detectaron unha necesidade compartida: dar un enfoque común arredor do coidado, o benestar emocional e o acompañamento do alumnado de Ciclos Formativos. Un dos fitos deste intercambio é que os outros tres institutos participantes visitarán Redondela no vindeiro mes de maio.
A alcaldesa, Digna Rivas, xunto co concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, mantiveron un encontro de traballo na casa consistorial coa coordinadora da iniciativa, María Rodríguez, e representantes do equipo docente do instituto para coñecer polo miúdo o programa.
Durante a reunión o profesorado presentou o diagnóstico acadado ao longo do pasado curso 2025/2026, no que tanto estudantes como docentes sinalaron as necesidades que detectan no centro. Neste curso 2026/2027 terán que poñer en marcha os cambios “para mellorar a calidade de vida e a estabilidade emocional de toda a comunidade educativa”. O instituto transformará espazos para facelos “máis amables e acolledores”. Todo o traballo realizado será exposto proximamente nunha reunión co Ministerio de Educación en Madrid.
A alcaldesa, Digna Rivas, trasladou os seus parabéns ao equipo docente “pola sensibilidade e o enorme valor social da iniciativa” e confirmou que o Concello de Redondela colaborará co proxecto, facilitando recursos municipais e coa recepción aos centros visitantes en maio. Rivas incidiu na importancia de apoiar a saúde mental na Formación Profesional, un ámbito onde as metodoloxías activas deben ir da man do equilibrio emocional e o apoio integral á mocidade.









