A Asociación lamenta a falta de espazos verdes e con sombra
O Proxecto Raíz na Rúa é unha iniciativa impulsada pola Asociación de Veciños de Chapela e financiada a través do programa Plan +Xuventude da Deputación de Pontevedra que ten como obxectivo renaturalizar espazos urbanos degradados, crear xardíns comunitarios e recuperar macetas e xardineiras abandonadas para mellorar a calidade de vida e a convivencia veciñal fronte a presión urbana.
Chapela quere gañarlle terreo ao cemento e recuperar os verde das súas rúas. O proxecto Raíz na Rúa, impulsado pola Asociación de Veciños de Chapela e financiado a través do Plan +Xuventude da Deputación de Pontevedra, busca recuperar espazos urbanos degradados, crear xardíns comunitarios e devolver a vexetación ás macetas e xardineiras abandonadas
A iniciativa nace da vogalía de Xuventude da asociación veciñal coa intención de facer de Chapela un lugar máis amable e habitable. A falta de zonas verdes e de sombra en determinados espazos públicos é unha das preocupacións detectadas, especialmente nos parques infantís, onde as altas temperaturas durante o verán poden dificultar o uso dos elementos de xogo.
As primeiras actuacións desenvolveranse nas avenidas de Redondela e de Vigo, onde se repoñerán as plantas das macetas que están baleiras. O proxecto contempla tamén a creación de novos xardíns en puntos como o camiño dos Balandros e a parte traseira do local da asociación veciñal. Os traballos comezarán nos vindeiros días e complementaranse con obradoiros na biblioteca e nos centros educativos da parroquia.
A implicación da cidadanía será outra das pezas fundamentais da iniciativa. A asociación colaborará cos centros educativos e creará a figura dos gardas da raíz, persoas que poderán apadriñar unha planta e comprometerse co seu coidado.
O obxectivo é que a recuperación dos espazos verdes vaia acompañada da participación activa da veciñanza e dunha maior conciencia ambiental.










