Hoxe é Martes 27 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Redondela FS Rodavigo golea o Marín Futsal

WhatsApp Image 2026-10-26 at 18.37.16 (1)

Terceira División Nacional

REDONDELA F.S. RODAVIGO 9 – 2 MARIN FUTSAL

O Redondela FS Rodavigo conseguiu unha ampla vitoria no pavillón da Marisma ao impoñerse por 9-2 ao Marín Futsal. O conxunto redondelán encarrilou o encontro cun inicio moi efectivo, no que anotou tres goles nos primeiros minutos. Segundo explicou o adestrador, Fer Pitart, esta vantaxe temperá condicionou o desenvolvemento do partido, xa que o equipo visitante se viu obrigado a arriscar máis para intentar reducir distancias. Esa situación foi aproveitada polos locais, que ampliaron a diferenza ata acadar o resultado final.

Malia o marcador avultado, Pitart destacou que o Marín Futsal competiu ben e tamén dispuxo de ocasións para marcar máis goles, pero atopouse coa actuación do porteiro redondelán, que realizou varias intervencións de mérito.

Con este triunfo, o Redondela FS Rodavigo confirma o seu bo inicio de tempada e sitúase na cuarta posición da clasificación xeral. Na próxima xornada, o equipo visitará o Concello de Begonte FS, co obxectivo de prolongar esta boa dinámica.

CARBALLIÑO F.S. 6 – 3 S.D. PAZOS DE BORBÉN FS

O Pazos de Borbén FS caeu por 6-3 na súa visita ao Carballiño. Jacobo, por partida dobre, e Dani foron os autores dos goles do conxunto visitante.

O equipo de Pazos recoñeceu nas súas redes sociais que lle custou entrar no partido, circunstancia que aproveitaron os locais para colocarse cun 3-0 no marcador. A partir de aí, o Pazos tivo que remar a contracorrente e traballou ata o final para tentar sacar algo positivo. Porén, a falta de acerto de cara a portería e algunhas accións arbitrais polémicas, segundo sinalou o propio club, impediron a remontada. O Carballiño sentenciou nos últimos segundos para pechar o definitivo 6-3.

O Pazos ocupa agora a sexta posición da táboa e recibirá na próxima xornada o ADC Lugo Sala “B”.

Preferente

S.D. PAZOS DE BORBÉN FS “B” 1 – 8 CAMPITO CHAPELA F.S.

O derbi entre o filial do Pazos de Borbén e o Campito Chapela rematou cunha ampla vitoria visitante por 1-8. O Campito impúxose con claridade nun encontro no que conseguiu unha importante diferenza no marcador.

Na próxima xornada, o Pazos B visitará o Cesures, mentres que o Campito Chapela recibirá o Crecentense FS.

REDONDELA FS – SAMOA CAFÉ & TAPAS “B” 4 – 3 A QUINTA TUI F.S.

O filial do Redondela FS conseguiu unha vitoria axustada por 4-3 ante A Quinta Tui FS. O conxunto redondelán sumou así tres puntos nun partido igualado que se resolveu pola mínima.

Na seguinte xornada, o Redondela FS – Samoa Café & Tapas “B” visitará o Baiña FS.

Primeira Futgal

AREALONGA FS CHAPELA 4 – 4 IES CORUXO FS “B”

O Arealonga FS Chapela empatou 4-4 ante o filial do IES Coruxo FS nun encontro con oito goles. A pesar de non poder sumar os tres puntos, o equipo chapelán mantén o liderado da categoría cun total de 16 puntos, froito de cinco vitorias e un empate.

O Arealonga continúa invicto neste inicio de tempada e buscará prolongar a súa boa xeira na próxima xornada, na que visitará o Indecisos FS.

PECHECHES FS “B” 6 – 2 CAMPITO CHAPELA F.S. “B”

O filial do Campito Chapela non puido sumar na súa visita ao Pecheches FS “B”, que se impuxo por 6-2. O conxunto berete buscará recuperar sensacións no próximo compromiso ligueiro, no que recibirá o San Salvador de Teis.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará