Fotos: Pelu Vidal
A Escola de Baloncesto Illa de San Simón arranca con 125 xogadores catro meses despois da súa constitución. O club presentouse oficialmente este domingo nun emotivo acto, que se desenvolveu no pavillón do IES Mendiño. A xogadora do Celta Femxa Zorka, Uxía Rodríguez Silva, entregoulle o primeiro balón do club á directiva nun acto que contou tamén coa presenza virtual de figuras consagradas como Amaia Valdemoro ou Fernando Romay.
Despois de moitos meses de traballo, o club presentouse oficialmente este domingo nun acto no que os verdadeiros protagonistas foron os equipos que compiten esta tempada coa camiseta da Escola Illa de San Simón. 125 xogadores e xogadoras que forman parte dos seus equipos que están presentes en todas as franxas de idade dende babys ata cadetes. Outro dos obxectivos do clube é formar o 8M, un equipo de mulleres dispostas a aprender baloncesto case dende cero.
Un acto que contou cos parabéns de equipos galegos (C.B. Caselas, C.B. Apóstol Santiago, Novobasket Vigo, C.B. Vilagarcía, Ourense Baloncesto), da ACB (Monbus Obradoiro, Manresa Kids, Baskonia, Real Madrid, Unicaja Málaga) e internacionais (Joutsa Basketball de Finlandia, e o Delaware Blue Coast, filial dos Philadelphia 76ers da NBA), equipos que estiveron presentes nuns vídeos que se proxectaron en pantalla xigante.
Ademais, na gala participaron a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o delegado provincial da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, Daniel Benavides, a deputada provincial Sandra Bastos e o vicepresidente da FEGABA, Ramón Lago.
A escola quixo aproveitar a ocasión para darlles visibilidade a dous colectivos sociais que traballan pola inclusión en Redondela: Lenda saúde mental, e Andaina, que atende a diversidade funcional. Así mesmo, reafirmou o seu compromiso con ambas as dúas asociacións, implicadas na iniciativa dende o comezo.









