Hoxe é Venres 9 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Lenda conmemora o Día Mundial da Saúde Mental: “A saúde mental tamén depende do mundo no que vivimos”

IMG-20261008-WA0021

A Asociación Lenda de Saúde Mental celebrou un ano máis o Día Mundial da Saúde Mental cun acto fronte ao seu edificio da rúa Reveriano Soutullo, en Redondela. Como é habitual, a cita reuniu a usuarios e usuarias da asociación, familias, veciños e veciñas, así como a representantes institucionais e membros dos distintos grupos políticos do Concello.

A xornada arrancou ás 11:30 horas con café e un pequeno petisco. Ás 12:00 horas os propios usuarios e usuarias de Lenda leron o manifesto elaborado pola asociación, no que reivindican que a saúde mental sexa tratada como saúde de verdade e non como un luxo. Exixen o fin das listas de espera interminables, a ruptura coas etiquetas e o estigma, a urxencia da prevención do suicidio e o recoñecemento de que “somos persoas, non diagnósticos”.

O manifesto, titulado A saúde mental tamén depende do mundo no que vivimos, vai máis aló da atención sanitaria e aborda cuestións cotiás que condicionan o benestar: a exposición constante a noticias negativas, as dificultades económicas e o prezo da vivenda, a necesidade de ocupar o tempo con calidade, o ocio, o descanso e incluso a preocupación polo cambio climático. “As palabras importan. A información importa. O respecto importa. E, sobre todo, as persoas importan”, resume o texto.

Inmediatamente despois, ás 12:05 horas, presentouse o número 46 da revista A Voz de Lenda, co editorial Reivindicar é respirar. Nel, a asociación insiste en que reivindicar non é pedir un favor, senón exercer un dereito: poñer en voz alta o que xa debería estar resolto e garantido. Falando desde a dignidade e a experiencia vivida, reclaman unha sanidade pública que non os trate como números, que os escoite sen cronómetro e que os acompañe sen xulgar. Exixen profesionais con condicións xustas porque, sen eles, non hai atención digna, e reivindican que a saúde mental sexa saúde con todas as letras.

O editorial non se queda só na saúde mental. Fala tamén de vivenda, porque sen un teito seguro non hai saúde posible, e denuncia o prezo da vivenda en Galicia, que expulsa á mocidade e condena a quen queda.

Ás 12:20 horas pechou a parte central do acto a actuación musical de Garabillo & Co. Durante toda a mañá estivo instalado un posto da revista e de venda de produtos elaborados polo Centro Ocupacional. Pola tarde, de 16:30 a 19:00 horas, manterase o posto de venda de produtos do Centro Ocupacional.

O acto contou coa participación activa dos usuarios e usuarias de Lenda, que non só leron o manifesto senón que compartiron a súa voz e a súa experiencia.  Desde Lenda lembraron que “falar de saúde mental é falar de persoas” e que “coidar a saúde mental é responsabilidade de todas e todos”. A saúde mental, subliñan, constrúese cada día.

Aínda que o Día Mundial da Saúde Mental se celebra oficialmente o 10 de outubro, a Asociación Lenda de Saúde Mental adiantou a súa conmemoración baixo o lema “Lenda sae á vila”. A asociación participará, ademais, noutras actividades ao longo da fin de semana.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará