A SAR OPmobility xa puxo en marcha unha nova tempada na Primeira Autonómica cun obxectivo claro: conseguir o ascenso a Primeira Nacional. O reto non é novo para o conxunto redondelán, que nas últimas tempadas se consolidou como un dos equipos máis competitivos da categoría. A SAR disputou tres fases de ascenso consecutivas, en 2024, 2025 e 2026, quedando en todas elas ás portas de dar o salto á categoría nacional.
O conxunto redondelán iniciou a competición este ano cun empate (31-31) na pista do Atlético Novás, un resultado que deixou un sabor agridoce no equipo de Iván Vázquez, xa que os locais conseguiron igualar o encontro no último segundo. O adestrador recoñece que esperaban outro resultado, aínda que destaca o potencial dun Atlético Novás renovado e con varios xogadores procedentes das categorías xuvenís.
O seguinte compromiso será este sábado no pavillón municipal da Bomboneira ante o Seis do Nadal, nun dos encontros máis atractivos da categoría. Para Iván Vázquez, ambos os equipos parten entre os principais candidatos ao título, especialmente pola experiencia e o nivel das súas plantillas. “Quizais esteamos un chanzo por encima por plantilla e veteranía dos xogadores”, sinala o técnico, que agarda un partido igualado e con moita emoción. Desde o club fan un chamamento á afección para que se achegue ao pavillón ás 18:00 horas.
O obxectivo da SAR OPmobility esta campaña pasa por disputar a fase de ascenso, que permitirá loitar por unha praza en Primeira Nacional. Para conseguilo, o equipo terá que proclamarse campión de Liga ou gañar a Final Four. Vázquez apunta, con todo, a unha meta máis ambiciosa: “Aspiramos a intentar quedar primeiros, a intentar gañar a Liga”. O técnico considera ademais especialmente importante rematar no primeiro posto, xa que podería permitir afrontar unha fase de ascenso cun cruzamento máis favorable.
A plantilla presenta tamén algunhas novidades respecto da pasada tempada. O primeiro equipo incorpora tres xogadores formados en Redondela que regresan ao club tras pasar por outros conxuntos da contorna: Miguel Couñago, procedente do Porriño e que reforzará a portería; Iago Vidal, que chega do Teucro para ocupar a posición de pivote; e Manuel Rodríguez, procedente do Reconquista, para o extremo esquerdo. Segundo explica Vázquez, os tres mantiveron a súa vinculación co balonmán e aceptaron regresar para incorporarse ao novo proxecto da SAR.
No corpo técnico tamén hai cambios. Manuel Ferreira non pode continuar por motivos laborais e Ángela Vilaboa incorpórase como axudante de adestrador, acompañando a Iván Vázquez e Manel. O adestrador aposta por manter a filosofía de xogo das últimas campañas, aínda que non descarta introducir novas variantes para aproveitar ao máximo as características dos xogadores dispoñibles.
Un dos principais problemas neste inicio de tempada está sendo precisamente a dificultade para contar con todo o cadro de xogadores nos adestramentos. Entre cuestións laborais e lesións, Vázquez explica que están a ter unha media de arredor de cinco baixas, unha situación que está a afectar á calidade do traballo.
Paralelamente, a SAR OPmobility mantén tamén a mirada posta na Copa Federación, competición na que xa asegurou a súa presenza na final tras superar con claridade o Balonmán Arteixo por 36-17. A pesar de que o equipo empregou esta competición tamén como parte da preparación da tempada, Vázquez recoñece que agora queren pechala cun título. Na final agarda o Seis do Nadal, precisamente o rival deste sábado na Liga, nun partido que se disputará na fin de semana previa ao Nadal e que permitirá á SAR buscar o desquite da derrota sufrida ante este equipo na pasada edición.
O adestrador tamén valora positivamente a situación xeral do club, que mantén unha liña de crecemento tanto no apartado masculino como no feminino. Vázquez destaca a continuidade da directiva e dos equipos técnicos e sinala que practicamente todos os equipos femininos conseguiron clasificarse para a Liga Ouro, mentres que o equipo de prata iniciou a competición cunha vitoria. “A dinámica e a liña que segue o club é ascendente”, resume o técnico.









