Hoxe é Sábado 3 de Outubro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Obradoiros de costura creativa, reparación e reciclaxe de roupa no Multiusos da Xunqueira

imagen

Baixo o lema «Non é roupa vella, é un proxecto esperando comezar», o Concello da Redondela pon en marcha neste mes de outubro un ciclo de obradoiros de costura creativa e upcycling téxtil para achegar á veciñanza ferramentas prácticas co fin de alongar a vida útil do noso armario e transformar a nosa relación coa moda a través do deseño circular. Co eses obxectivos realizaranse seis sesión destinadas a público adulto onde as persoas participantes aprenderán a coidar e customizar a roupa que xa temos.

O programa arrancará o martes 6 de outubro, de 18:00 a 20:30 horas, co obradoiro «Primeiros pasos na costura». Durante esta primeira sesión, as persoas participantes coñecerán as ferramentas básicas, aprenderán a enfiar unha agulla e a facer nós de remate, ademais de practicar puntadas fundamentais como o hilván, o punto atrás e o sobrehilado. Cada participante elaborará tamén un mostrario físico de puntadas que poderá utilizar posteriormente como guía de consulta.

O martes 10 de novembro haberá dúas sesión. Pola mañá, de 11:00 a 13:30 horas, terá lugar «Aprende a reparar», un obradoiro centrado na reparación de pequenos desperfectos. Nel aprenderase a coser diferentes tipos de botóns, colocar corchetes e reforzar ou reparar costuras, co propósito de alongar a vida útil das prendas e evitar que pequenos danos acaben provocando que unha peza sexa descartada.

Esa mesma tarde, de 16:00 a 18:30 horas, celebrarase «Baixos e acabados», no que se abordará a toma de medidas, o marcado e alfinetado e a realización de baixos sinxelos e invisibles. O obradoiro incluirá tamén técnicas específicas para traballar con tecidos vaqueiros. Cada participante poderá poñer en práctica o aprendido axustando o baixo dunha peza propia levada desde a casa.

O programa retomará a actividade o mércores 11 de novembro con outras dúas propostas. De 11:00 a 13:30 horas, «Customiza a túa roupa» convidará as persoas participantes a transformar unha peza esquecida nunha prenda única, empregando a creatividade e a autoexpresión como ferramentas para fomentar, ao mesmo tempo, un consumo máis responsable.

Pola tarde, de 16:00 a 18:30 horas, será a quenda de «Crea a túa tote bag», un obradoiro no que se transformará un pantalón vaqueiro en desuso nunha bolsa resistente e funcional. A actividade permitirá aproveitar elementos orixinais da propia peza, como os petos e as costuras, para crear un novo obxecto útil a partir dun tecido xa existente.

O ciclo rematará o xoves 12 de novembro, de 16:00 a 18:30 horas, cunha nova edición do obradoiro «Crea a túa tote bag», que repetirá a proposta de transformación dun pantalón denim nunha bolsa reutilizable.

Ao longo das seis sesións, a iniciativa combina aprendizaxe práctica, creatividade e reutilización téxtil, ofrecendo ferramentas para que as persoas participantes gañen autonomía á hora de reparar, adaptar e transformar a súa roupa.

Con esta programación o Concello busca achegar a formación á cidadanía e fomentar hábitos de consumo responsable e reutilización. Estas actuacións van dirixidas a incrementar a coeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 .

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará