O Concello de Redondela mantén activas as medidas de aforro de auga adoptadas o pasado mes de xullo ante a evolución desfavorable das reservas do encoro de Eiras. Un mes despois da entrada en vigor das restricións a situación non mellorou e o Goberno local fai un novo chamamento á responsabilidade da veciñanza para frear o consumo nos meses de maior demanda. O edil de Sostibilidade, Roberto Villar, sinala a falta de precipitacións como unha das principais causas do descenso continuado das reservas, pero chama tamén a atención sobre o incremento da demanda durante os meses de verán polo fenómeno do turismo.
Entre as medidas que continúan vixentes atópase o peche das duchas e dos lavapés das praias, así como a redución ao mínimo do baldeo das rúas e do rego dos xardíns e espazos públicos.
A situación do encoro de Eiras continúa por baixo dos niveis rexistrados nos últimos anos. Na actualidade, as reservas sitúanse no 72,7 % da súa capacidade, fronte ao 77 % que presentaba na mesma semana do ano pasado. A diferenza é aínda maior respecto da media dos últimos dez anos, que sitúa o nivel de enchido nesta época do ano arredor do 90 %.
Desde a Concellería de Sostibilidade advirten de que o problema non afecta unicamente a Redondela, xa que o encoro de Eiras abastece de auga potable a unha poboación superior ás 400.000 persoas, incluíndo Vigo e outros municipios da súa contorna, como Mos, O Porriño e Salceda de Caselas.
O edil de Sostibilidade, Roberto Villar, sinala a falta de precipitacións como unha das principais causas do descenso continuado das reservas, pero chama tamén a atención sobre o incremento da demanda durante os meses de verán.
O aumento da poboación durante a tempada estival a consecuencia da maior afluencia de visitantes ás Rías Baixas, tradúcese nun incremento do número de consumidores e, polo tanto, do consumo de auga.
Esta maior demanda estival súmase ademais aos usos propios desta época do ano, como o enchido e recheo de piscinas, o rego de hortas e xardíns ou o consumo asociado a actividades turísticas e de lecer.
Por este motivo, o Concello solicita a colaboración cidadá e pide evitar o lavado de vehículos con mangueira, o enchido ou recheo de piscinas privadas e o rego excesivo de hortas e xardíns particulares. O obxectivo é reducir o consumo nun momento especialmente sensible e evitar que a situación das reservas poida empeorar nas próximas semanas.
Comunidades de augas
Polo de agora, non se detectan dificultades nas parroquias que dispoñen de comunidades de augas. O Concello lembra que en anos anteriores foi necesario recorrer ao abastecemento mediante camións cisterna nalgunhas zonas debido aos problemas de caudal dos seus mananciais, aínda que actualmente non consta ningunha incidencia deste tipo.
O Goberno local insiste en que a evolución das reservas dependerá en boa medida das condicións meteorolóxicas dos próximos meses, pero tamén da capacidade colectiva para reducir polo que se solicita un consumo responsable.










Unha resposta
Galicia e a auga.
O encoro de Eiras inaugurouse no 1977, é imposible que actualmente teña a mesma capacidade que na inauguración. O CEDEX indica que os encoros perden entre un 1% e 3% de volume anual por fenómenos de sedimentación. Deberían dar datos máis claros da situación actual do encoro, pero lembremos a loita entre Concello de Vigo e Xunta de Galicia polo estado de mantemento e arranxo das bocas de expulsión.
O Concello de Redondela debería de facer equipo coas comunidades de auga das parroquias para ter datos reais das reservas dos depósitos así como prever construción de novos depósitos estratéxicos.
Interesante tema para debate.