O programa de Compostaxe Rural do Concello de Soutomaior continúa a medrar e supera xa as 200 vivendas adheridas, consolidándose como unha alternativa sostible para a xestión dos residuos orgánicos nas zonas máis dispersas do municipio. Desde o Goberno local fan un chamamento á veciñanza para que se sume ao programa e solicite o seu composteiro individual antes de que se esgoten as unidades dispoñibles.
As persoas interesadas poden solicitar o seu composteiro chamando ao Concello no teléfono 986 705 106, extensión 1, ou a través do formulario de solicitude habilitado online. A iniciativa está dirixida ás persoas residentes en vivendas illadas que dispoñan dunha parcela ou horta cunha superficie mínima de 25 metros cadrados.
Cada vivenda participante recibirá un composteiro individual cunha capacidade de 400 litros, que deberá instalarse no exterior da casa, nunha zona preferentemente sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas. Recoméndase a súa colocación baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra, facilitando así a entrada dos microorganismos responsables do proceso natural de descomposición da materia orgánica.
O obxectivo do programa é fomentar a autoxestión dos residuos orgánicos e converter a compostaxe nunha práctica habitual nas zonas rurais. A compostaxe presenta importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, ao permitir transformar os restos orgánicos xerados nos fogares nun recurso útil para a fertilización do solo.
A iniciativa recupera, ademais, unha práctica tradicional profundamente arraigada no rural galego, baseada no aproveitamento dos restos orgánicos, xa fose como alimento para o gando ou para a elaboración de compost. A través dos composteiros individuais, esta tradición adáptase aos tempos actuais mediante un sistema máis hixiénico, cómodo, eficiente e respectuoso co medio ambiente.









