Augas de Galicia informou dun corte que comezará o xoves día 13 ás 08:00 horas cunha duración prevista de 6 horas por tarefas de mantemento na presa. O Concello de Redondela cualifica de “crítica” a situación debido ás altas temperaturas e avisa de posibles cortes e baixadas de presión en Quintela, Río Frío, San Esteban de Negros e Cidadelle. Para evitar restricións severas, faise un chamamento a toda a poboación, sector comercial e hostalería para que reduzan o consumo ao mínimo imprescindible desde este mesmo momento.
Os traballos na presa están programados para durar 6 horas. Con todo, o Concello advirte de que a recuperación total do caudal no canal pode demorarse de forma significativa debido á gran lonxitude do trazado. Por este motivo, e ante a falta de capacidade de reserva nos depósitos, prevese que poden rexistrarse problemas de presión ou falta de subministro nas zonas de Quintela, Río Frío, Santo Estevo de Negros e, segundo a evolución, en Cidadelle.
Os técnicos municipais e a concesionaria Aqualia coordinarán manobras de urxencia para estirar ao máximo os niveis de reserva e, no caso de dispararse ou desestabilizar o consumo procederase a realizar cortes selectivos do subministro nas zonas máis afectadas para protexer a integridade global do sistema.
O goberno local manifesta a súa fonda preocupación polas consecuencias que esta incidencia poida ter no abastecemento municipal e lamenta “que a notificación chegase con menos de 48 horas de antelación, xa que coincide cun período de tempo extremadamente caloroso, o que provocou un incremento notable do consumo estival e deixa os depósitos cunha marxe de regulación moi axustada”.
Para evitar restricións severas, faise un chamamento a toda a poboación, sector comercial e hostalería para que reduzan o consumo ao mínimo imprescindible desde este mesmo momento. Solicítase a supresión de actividades non esenciais como o rego de xardíns e hortas, o lavado de automóbiles ou o recheo de piscinas. O esforzo e a solidariedade de toda a veciñanza de Redondela durante as vindeiras horas serán determinantes para garantir o abastecemento básico.
Concello Soutomaior
Un corte que afectará tamén ao municipio de Soutomaior. Neste caso dende o goberno local informan que “están a cargar os depósitos á máxima capacidade para garantir o subministro durante este período que irá dende as 8:00 e ata as 14:00 horas aproximadamente”. Fan un chamamento á veciñanza para que faga un consumo responsable da auga, evitando consumos non esenciais e contribuíndo así ao aforro.










