Hoxe é Mércores 1 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un verán en movemento

senda verde

O Concello de Redondela amplía a súa oferta estival con actividades gratuítas de baile, ximnasia e roteiros saudables que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto. As iniciativas, abertas e gratuítas, buscan fomentar a saúde física e mental, o envellecemento activo e a integración interxeracional. As actividades prográmanse en diferentes espazos públicos, alamedas e praias de Redondela e Chapela.

Entre as propostas destaca o programa “Ritmo Vital – Baile e Benestar”, que ofrecerá clases coreografiadas de balde para toda a poboación. As sesións matinais celebraranse ás 09.30 horas, os luns na Senda Verde de Chapela e os martes na Alameda de Redondela. Polas tardes, ás 18.00 horas, as actividades trasladaranse ás praias: os luns e mércores na praia de Arealonga, en Chapela, e os martes e xoves na praia da Punta, en Cesantes.

A oferta complétase co programa “Redondela Actívate”, que inclúe sesións de exercicio para mellorar o equilibrio, os mércores na Senda Verde de Chapela e os xoves na Alameda Castelao, ambas entre as 09.30 e as 10.30 horas.

Os venres desenvolverase o faladoiro “Libros, agullas e vida”, unha actividade que combina lectura, conversa e participación social. Terá lugar de 10.00 a 11.00 horas na Biblioteca de Chapela e de 11.30 a 12.30 horas na Biblioteca de Redondela.

Ademais, organizaranse roteiros didácticos con saídas desde a Praza do Concello e desde a Alameda Rosalía de Castro, en Chapela. Estas rutas celebraranse de 09.30 a 11.30 horas e o calendario anunciarase con antelación en función das condicións meteorolóxicas.

Con esta iniciativa, o Concello busca fomentar hábitos de vida saudables, favorecer o envellecemento activo e crear espazos de encontro e convivencia durante os meses de verán mediante actividades gratuítas e ao aire libre.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou o firme compromiso do goberno local coa promoción do benestar veciñal a través do uso integrador dos espazos públicos: “Este goberno ten un compromiso firme co benestar dos nosos veciños e veciñas. ‘Redondela Actívate’ non é só un programa deportivo, é un espazo de encontro fundamental para combater a soidade non desexada, encher de vida as nosas prazas e praias e garantir que a nosa veciñanza teña opcións de lecer saudables e de calidade sen saír do seu Concello”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará