O ente ferroviario comezou hoxe a retirar os pretiles de formigón que serán substituídos por uns metálicos máis estreitos o que permitirá contar cunha vía cun ancho de seis metros (fronte aos catro actuais). A obra realizada por Adif provocara a mobilización da veciñanza ante o que cualificaban de “aberración urbanística”. Unha veciñanza que se amosa satisfeita logo de meses de protestas.
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) aceptou os cambios propostos polo Concello para mellorar a circulación de vehículos e peóns no paso elevado da Portela e comezou na xornada de hoxe a retirar os bloques de cemento que provocaran as protestas veciñais por estreitar notablemente a estrada, o que impedía que puideran cruzarse na ponte dous vehículos. Con esta modificación o paso superior do camiño A Portela ampliarase ata os 6 metros de ancho, tal e como reclamaba a veciñanza.
Lembramos que dende o Concello trasladáraselle a Adif un escrito solicitando que se reformara a obra tras numerosas mobilizacións veciñais que o pasado mes de abril chegaban tamén ao pleno, onde se aprobaba por unanimidade reclamar unha actuación urxente na ponte recentemente reconstruída, tras quedar reducida a un carril de catro metros que dificulta o paso de dous vehículos e xera situacións de risco, especialmente nun tramo con escasa visibilidade.









