Hoxe é Martes 30 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

“Un dos momentos máis importantes da nosa historia”: Chapela debuta na Liga ACT e prepara a regata de Cardona

WhatsApp Image 2026-06-30 at 14.13.37 (1)

Fotos de MAChremo

 O Club de Remo de Chapela-Wofco viviu unha xornada histórica este pasado fin de semana co seu debut na Liga ACT, a máxima categoría do remo de banco fixo estatal. A embarcación de Arealonga participou na primeira bandeira da campaña no embalse de Riosequillo, en Buitrago de Lozoya (Madrid), un escenario pouco habitual para esta competición.

A tripulación dirixida por Juan Zunzunegui rematou na undécima posición, manténdose moi competitiva durante boa parte da regata. Enfrontada a Santurtzi, Chapela asinou un potente último longo que lle permitiu recortar distancias e cruzar a meta a só seis segundos dos vascos. Ademais, superou a Ares —o outro equipo galego na categoría— e quedou a escasos catro segundos de Lekittarra, un dos seus rivais directos na loita pola permanencia. Na disputa pola bandeira, Orio impúxose con claridade por diante de Zierbena e Donostiarra. A Liga ACT continuará a próxima fin de semana en Bilbao coa XVII Bandeira de Bilbao.

Antonio Viaño, presidente do Club de Remo de Chapela, salienta a importancia de estar nesta competición: “O club está a vivir un dos momentos máis importantes da súa historia. Despois do ascenso conseguido a tempada pasada, debutamos na Liga ACT, a máxima categoría do remo a nivel estatal, e deixamos boas sensacións de cara ao obxectivo principal: a permanencia”.

Sobre o desenvolvemento da regata en Madrid, o presidente recoñeceu as dificultades dun escenario diferente: “Foi unha regata diferente. Non estamos habituados a remar en embalses. Houbo moita calor e un despregamento de medios impresionante por parte da organización. Había moitos nervios porque todo é novo, pero sacamos conclusións positivas. Estivemos por diante de Ares, como esperabamos. Cando volvamos ao Cantábrico e ao Atlántico, todo pode pasar. O importante é que estivemos competitivos”.

O presidente centrou parte da súa atención na regata que o club organizará en Chapela o 18 de xullo: “Como presidente, teño a vista posta na regata que nos toca organizar no Paseo de Cardona. Vai ser un momento moi importante para Redondela, para o remo galego e para toda Galicia. Traer aquí á elite é unha oportunidade única para deixar unha boa imaxe e mostrar o que move este deporte”.

 “A xente galega, se non segue habitualmente o remo, non se dá conta do que supón. Móvese moita xente. É un espectáculo de alto nivel”, Vaiño.

Ademais, o dirixente aproveitou para reivindicar máis apoio aos deportes autóctonos: “En Euskadi consideran o remo como algo identitario e danlle valor. Gustaríame que en Galicia fixésemos algo parecido cos nosos deportes tradicionais, que necesitan ese impulso institucional e de patrocinadores”.

O Club de Remo de Chapela tamén compite con dous equipos na Liga Galega que comeza esta fin de semana: o feminino e o equipo B, enfocado en dar continuidade á canteira. Ambos competirán en A Pobra do Caramiñal. “Estamos xestionando a loxística de tres equipos con desprazamentos continuos, pero temos un gran equipo feminino e un B con moita xuventude que pode dar sorpresas”, engadiu Viaño.

O equipo feminino vén de lograr un fin de semana histórico ao proclamarse vencedor da Bandeira Deputación de Pontevedra de Traiñeiras, que volveu ao calendario tras quince anos de ausencia. Ademais, nestes momentos é subcampioa galega, demostrando o excelente momento que atravesa a sección feminina do club.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará