Os servizos técnicos superivisarán cada instalación antes da súa posta en marcha. O Goberno local confirma que só se autorizará a instalación das atraccións que conten con toda a documentación en regra e superen as inspeccións técnicas pertinentes.
O Concello de Redondela informa de que, de cara á celebración da Festa do Choco que terá lugar esta fin de semana, aplicarase unha política de “tolerancia cero” coas atraccións que non cumpran escrupulosamente coa legalidade. Dende o Concello subliñase que a prioridade absoluta da organización é o benestar e a integridade de todas as persoas que se acheguen a gozar do recinto festivo, especialmente da infancia.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que “a seguridade é o máis importante e non imos correr ningún risco. Non se permitirá a instalación de ningunha atracción que non teña pasado as inspeccións técnicas preceptivas ou que careza dos certificados de seguridade que esixe a normativa vixente”.
Con esta medida, o Concello quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade ás familias, asegurando que a Festa do Choco será, un ano máis, un espazo de lecer seguro onde a calidade e a protección dos asistentes estean por riba de calquera outra consideración.
Punto violeta
O Concello de Redondela aposta tamén por unhas festas inclusivas e libres de violencias machistas. Para iso, instalarase un Punto Violeta informativo e de atención na carpa principal da festa, situada no Campo da Feira. Este espazo, atendido por persoal técnico en Igualdade, estará o venres e sábado en horario de 20:00 a 03:00 horas e o domingo de 17:00 a 21:00 horas.









