Os feitos producíronse contra as 21 horas de onte xoves. Foi un dos implicados quen chamou ao 112 Galicia e explicou que ía xunto coa súa acompañante nunha moto de auga, pero quedou encallada no lodo coa baixada da marea. Ambos estaban ilesos, mais atopábanse a uns cen metros da costa, fronte ás Illas Alvedosas (na zona de Soutomaior), e non podían saír a pé.
Dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitouse a acción de Salvamento Marítimo, do Servizo de Gardacostas de Galicia e dos axentes da Garda Civil. Tamén se informou aos voluntarios de Protección Civil de Oitavén-Tea.
Pouco despois, Salvamento Marítimo confirmou a saída do helicóptero Pesca I, de Gardacostas de Galicia, para levar a cabo o rescate de ambas persoas. Foron evacuadas en perfecto estado ao aeroporto de Peinador.









