O Multiúsos da Xunqueira acolle hoxe venres, 9 de outubro, ás 19:30 horas, a obra de teatro ‘Neura’, unha comedia da compañía De Ste Xeito Producións para rir e reflexionar sobre a saúde mental. A función inscríbese no marco do Día Internacional da Saúde Mental e, antes da representación, realizarase a lectura do manifesto a cargo de Lenda e inaugurarase a exposición de M.J Domínguez “Os ollos da mente”.
Os protagonistas de ‘Neura’ son Edu e Sonia, interpretados por Sergio Macías e Stephy Llaryora. Trátase dunha parella que viviu no pasado unha historia de amor e desamor que rematou por mor dos seus pequenos trastornos.
Os azares da vida fan que volvan atoparse en diferentes circunstancias e que se vexan obrigados, unha vez máis, a poñer a proba a compatibilidade das súas neuras. Porén, a evolución de cada un por separado ao longo destes anos, a través de diferentes terapias e pseudo-terapias, fai que se reencontren cunha versión actualizada da persoa que coñeceran.
Situacións novas e sorprendentes farán que o público viaxe, dun xeito hilarante, a través do mundo dos trastornos e da saúde mental. Un camiño afastado de preconceptos caducos que aborda con sinxeleza as múltiples alteracións da personalidade e esas manías das que ninguén se libra, por moito que as ocultemos ou que sexan consideradas un tabú.
Sergio Macías insiste en que se trata dunha comedia na que se abordan pequenas “neuras” que temos todos nós pero sen falar de “saúde mental con maiúsculas ou problemas máis serios que teñen que ser traballados doutro xeito”.
CORTE
‘Neura’ é, en definitiva, unha comedia neurótico-festiva na que todos e todas nos veremos reflectidos e que se completa cunha exposición “Os ollos da mente” da artista ourensá afincada en Suiza, M.J. Domínguez. Unha exposición que reúne pezas realizadas por esta artista a partir de diferentes trastornos. Sete pezas escultóricas que nos achegan outra visión da saúde mental.
A exposición pode visitarse no Multilúsos ata o 27 de outubro.









