Hoxe é Sábado 4 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Jessica Rodríguez, candidata a mellor docente do ano: “Os deberes en primaria deberían suprimirse”

jessica

A mestra de primaria no Colexio de Cedeira, Jessica Rodríguez Piñeiro, foi seleccionada como unha das dez finalistas a mellor docente de España na categoría de Primaria. Esta profesora é a única galega que opta a este galardón na súa categoría, e competirá con outros nove docentes das comunidades de Madrid, Valencia, Canarias, Asturias, Andalucía e a cidade autónoma de Ceuta.

“Sinto satisfacción e agradecemento por esas familias que contribuíron a que chegase a finalista neste premio”, un galardón que ten como particularidade precisamente que son as propias familias as que presentan as candidaturas e que busca recoñecer o labor do profesorado e axuda a dar visibilidade a esta profesión tan relevante. Neste sentido Jessica Rodríguez –autora do libro “Peúgo, o calcetín melenudo” e de xogos de mesa solidarios como Cabezas de allo- asegura que “o maior recoñecemento é que as familias dean a entender que lles gustou a miña forma de interactuar cos seus fillos e fillas”.

O seu xeito de traballar está baseado no xogo “busco que os intereses e inquedanzas dos rapaces sexan os que marquen a aprendizaxe”. Un xeito de traballar que chama a atención “sobre todo porque deixo de lado os libros de texto afastándome así do ensino tradicional”. Pero asegura que  “superada esa primeira sorpresa” o entendemento é total con pais, nais e cativos.

En canto ao eterno debate sobre os deberes asegura telo clarísimo “os deberes non teñen ningunha función, non van solucionar ningunha problemática nin van supoñer melloría algunha nos nenos, o único que conseguen é o efecto contrario facendo que a motivación dos rapaces baixe en picado, xerando conflitos nas familias e esixindo ademais unha carga extra a pais e nais que non sempre poden afrontar”. Con esa contundencia avoga porque se supriman os deberes nas escolas.

En canto a irrupción das novas tecnoloxías insiste en que “nenos e nenas están xa saturados de tecnoloxía, con acceso a tablets, móbiles e internet demasiado cedo” e entende que esas ferramentas deben ser empregadas nas aulas pero sempre cunha finalidade, un recurso máis na aula que teña un fin e non só como unha plataforma. “Os plans dixitais como Edixgal e as dotacións a nivel tecnoloxía debería facerse cunha maior prudencia, primeiro educando aos propios profesores para que coñezan as posibilidades desa ferramenta e non que os ordenadores acaben sendo un libro de texto camuflado nunha pantalla, porque así o único que se fai e reproducir o sistema tradicional do que vimos”.

Os Premios Educa Abanca entregaranse o 24 de febreiro na Coruña, nunha gala que se celebrará en paralelo ao Congreso Mundial de Educación Educa 2024. Alí daranse a coñecer as puntuacións de cada un dos finalistas e obterá o título de Mellor Docente de España o que logre máis puntos. Os gañadores recibirán unha figura, ademais dun premio económico de 1.000 euros e un diploma acreditativo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará