Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior facilita a reapertura de terrazas

RR_Noticias

A supresión de taxas e a axilización dos trámites, son as dúas medidas que vén de pór en marcha o concello de Soutomaior de cara á Fase 1 da desescalada, cando os locais de hostalería poderán abrir as súas terrazas cun 50% de ocupación e mantendo as medidas de prevención establecidas polo goberno. A finalidade é “apoiar o máximo posible a un dos maiores motores económicos” do municipio.

O concello de Soutomaior vén de modificar as xestións coa administración local para o establecemento de terrazas a partir do luns, no caso de que se declare a Fase 1 da desescalada. Unha autorización que diminúe os trámites precisos para que dende o primeiro momento todo o establecemento que así o desexe e cumpra os requisitos poida abrir ao público a súa terraza. Os hostaleiros tampouco terán que pagar ningunha taxa pola colocación das mesas na vía pública.
Os interesados, deberán presentar xunto á solicitude un esquema que ilustre a disposición da terraza, o número de mesas e cadeiras, así como a súa localización final na rúa ou praza na que se sitúe. Ademais, deberán declarar que o establecemento non está afectado por ningunha resolución de disciplina urbanística ou de contaminación acústica.
A autorización recolle a obriga de manter a distancia de seguridade entre mesas e cadeiras, garantir o libre tránsito de peóns e non impedir en ningún caso o acceso a vivendas, bocas de rego, pasos de peóns ou calquera elemento do mobiliario urbano, como bancos e papeleiras. Uns requisitos que quedan supeditados ás obrigacións que se establezan por parte Xunta de Galicia ou o Goberno Central, que serán os encargados de determinar a ocupación máxima dos establecementos segundo a fase de desescalada na que nos atopemos.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, xustificaba estas medidas no feito de que “a hostalaría é un dos maiores motores económicos do noso municipio. É a nosa obrigación tentar axudalos o máximo posible durante estes momentos, que son moi duros para todos pero que, no seu caso, pon en gran risco moitos postos de traballo e o medio de vida de moitos veciños”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp