Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Manuel Puga publica un libro sobre a acuarela de Baldi, primeira testemuña gráfica de Redondela

RR_Noticias

O libro, editado por Galaxia, afonda na acuarela de Pier Maria Baldi “primeira testemuña gráfica da nosa vila” segundo explica o presidente da Fundación Penzol e autor do texto, Manuel Puga. A través da imaxe realizada en 1669 polo pintor italiano, Puga analiza os cambios experimentados pola vila ao longo dos séculos nos que lle foi dando as costas ao mar, e aproveita para reivindicar o carácter de vila mariñeira do noso concello.

Unha imaxe que o artista florentino realizaría nun tempo récord xa que se estima que estivo no noso concello tan só un par de horas. Malia todo logrou facer unha acuarela que é testemuña realista do carácter mariñeiro dunha dupla vila: Vilavella e Vila Nova. Un territorio que contaba naquel momento con arredor de “catrocentas casas” que serían a orixe do núcleo urbano actual. Na acuarela, que ten sido reproducida en numerosas ocasións en postais e noutro tipo de documentos, malia que non sempre respectando o orixinal, Baldi, atendendo a súa formación como arquitecto, debuxa con minuciosidade o espazo construído naquel 1669 que ía dende o peirao, instalado na actual praza da Constitución ata o que sería o pazo de Petán. Unha imaxe na que sorprende a lingua de auga que percorre o actual centro da vila e que ocupa todo o espazo entre a rúa Ernestina Otero e ese pequeno centro construído hai catro séculos así como a actual Igrexa que sobresae sobre o horizonte. Puga aproveitou a presentación do libro, do mesmo xeito que o fai no propio texto, para reivindicar a nosa memoria e, sobre todo, o carácter mariñeiro do noso concello que “lamentablemente e con continuos recheos botou o mar definitivamente do medio da vila na década dos setenta do pasado século” e avogou por “manter a esperanza de que a nosa dupla vila se abra de novo algún día ao mar”. Editado por Galaxia, o seu presidentes Antón Vidal salientou o carácter histórico desta publicación e a posibilidade de “poñelo en valor completándoo con actividades en paralelo como unha exposición”. Un libro detrás do cal tamén está o propio concello. O alcalde Javier Bas, recollía a luva que lle deixaba o autor sobre a necesidade de abrir Redondela o mar. O libro servirá de agasallo institucional e formará parte do material didáctico que manexen nos centros escolares, podéndose consultar tamén nas Bibliotecas. Como curiosidade quixo remarcar Puga que o libro rematouse de imprimir o 2 de marzo deste ano “unha data nada casual, xa que nese día cumpríanse 350 anos da visita de Baldi a Redondela”.  

Manuel Puga autor
Un documento histórico
Peirao e lingua de mar
Percorre o mar o que sería agora o centro da vila
Vila de carácter mariñeiro
Fómoslle dando as costas ao mar
Antón Vidal director Galaxia
Un libro de carácter histórico
Javier Bas alcalde
Collía a luva que lle tendía Puga sobre a necesidade de recuperar o carácter mariñeiro da vila

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará