Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A XXXIII Festa do Choco presume de calidade e modernidade

RR_Noticias

Mañá arranca a XXXIII edición da Festa do Choco, unha festa “de todos” como salientaron a concelleira de Eventos, Ángela Antón, e o alcalde Javier Bas. Por iso empresarios, restauradores e artistas locais participaron na presentación celebrada onte no Multiusos da Xunqueira. Desde a confraría aseguran que haberá “moito choco e de excelente calidade” nun programa de festas que inclúe actuacións musicais, demostracións gastronómicas e moita difusión nas redes sociais grazas á participación de varios “blogueiros”.

Antón, que fixo de mestra de ceremonias, tivo palabras de agradecemento para todos os que fan posible esta festa, e especialmente aos seus fundadores, redondeláns como Jaime Villaverde, Manuel Conde ou José Barciela “Pucho”, entre outros. A festa contará este ano con choco “en cantidade e calidade”, segundo asegurou o patrón maior da Confraría de Redondela, Clemente Bastos. As captuiras deste ano rondan as 18 toneladas, e boa parte delas consumiranse nesta festa. Na carpa haberá 10 postos que servirán todo tipo de pratos co choco como protagonista, desde as tradicionais empanadas e choco en tinta ou con arroz, ata outras propostas máis novidosas como o “Bao de choco” ou pizzas. Tampouco faltarán os doces, queixos, viños e cervexas do país para completar o menú. E o choco, en diferentes especialidades, poderá degustarse ademais nos diferentes locais de hostalaría de todo o municipio. Desde a Asociación de Empresarios, Carlos Villamarín amosou o compromiso do colectivo con esta festa, co obxectivo de promocionar o producto estrela da enseada e dalo a coñecer “en todo o mundo”. O programa iníciase mañá, venres, ás 20 horas coa inauguración e apertura da carpa de degustación, en horario continuo até o peche, e que contará con animación a cargo de grupos de bailes de Redondela e os recanteiros Charo Martínez e Chylava. Ao longo de toda a fin de semana haberá actividades, con actuacións de bandas de música e de baile galego, tamén demostracións gastronómicas e obradoiros de cociña para nenos. O día principal será o domingo, con pregón a cargo do humorista galego David Perdomo ás 12.30 horas. Nesta edición a festa quere unir tamén “tradición e modernidade”, e realizarase un encontro con “blogueiros”, poderán “coñecer e vivir de primeira man” esta festa, o que contribuirá a divulgala nas redes sociais, como explicaba o alcalde, Javier Bas. A festa gastronómica complétase esta fin de semana con paseos en barco pola enseada de San Simón con visita guiada pola illa. Haberá saídas o sábado e o domingo ás 12.00 desde o pantalán do Museo Meirande, e ás 16.00 e 17.00 horas desde o peirao de Cesantes. O prezo da viaxe é de 3 euros, e as reservas poden facerse nos teléfono 620 864 052 ou no enderezo electrónico info@crucerosangel.com.

Ángela Antón concelleira de Eventos
Antón tivo palabras de agradecemento para todos os que fan posible esta festa e especialmente aos seus fundadores.
Clemente Bastos Patrón Maior
A festa contará este ano con choco "en cantidade e calidade".
Carlos Villamarín da Asociación de Empresarios
Os empresarios amosaron o seu compromiso "desde sempre" con esta festa para promocionar o choco e dalo a coñecer "en todo o mundo".
Javier Bas alcalde
Realizarase un encontro con "blogueiros" que participarán na festa e axudarán a divulgala nas redes sociais.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará