O proxecto independente da redondelá Ara Ro, no que combina crímenes reais e viaxes, acumula 1,8 millóns de escoitas no último ano e supera os 20.000 seguidores nas distintas plataformas. O seu podcast «Pasaporte Criminal» foi seleccionado entre os dez finalistas dos Premios iVoox 2026 na categoría de Crímenes Reais, uns galardóns nos que a audiencia ten a última palabra á hora de escoller os proxectos gañadores. Cunha narración próxima aos oíntes aos que se lles achega sorprendentes historias criminais comparte a final con «Criminopatía» de Clara Tiscar e «Dossier Negro» de La Vanguardia.
«Pasaporte Criminal» naceu en xaneiro de 2024 da vontade de unir dúas paixóns: os contidos de viaxes e a narración de historias criminais. A proposta afástase dos formatos convencionais de true crime para explorar historias nas que os desprazamentos e os destinos teñen un papel fundamental. Crímenes contra turistas, viaxeiros que delinquen e asasinos itinerantes son algúns dos protagonistas dos seus episodios, nos que cada caso serve tamén como punto de partida para percorrer diferentes lugares do mundo.
O programa conta xa con 134 episodios publicados e mantén unha periodicidade semanal, cunha nova entrega cada martes. Un dos aspectos máis salientables do proxecto é o seu carácter independente. Ara Ro asume en solitario todo o proceso de elaboración: investiga os casos, consulta documentación, contrasta información, escribe os guións, pon a voz e realiza a edición de cada episodio. Un traballo que compaxina coa súa actividade profesional como xornalista e coa actualización do seu blog de viaxes “No es lo que pareze”.
Para a xornalista, este recoñecemento ten un valor especial polo papel que desempeña a audiencia nestes premios. A relación cos oíntes é, precisamente, unha das facetas que máis valora do proxecto “apostei por unha narrativa mois próxima para achegarme ao público”.
O podcast aborda unha ampla variedade de historias criminais: desde asasinatos múltiples, parricidios e casos relacionados coas mulas do narcotráfico ata episodios tan sorprendentes como os crimes cometidos durante a propia lúa de mel. Relatos moi diversos nos que as viaxes, os destinos turísticos e os desprazamentos adquiren un protagonismo especial e que amosan como, ás veces, detrás das experiencias máis idílicas poden agocharse historias criminais inesperadas.
Con esta candidatura, Ara Ro consolida a evolución dun proxecto persoal que conseguiu facerse un oco no panorama estatal do podcast de crímenes reais.









