A entidade chama ás familias, ás organizacións sociais e á cidadanía a participar o 20 de novembro nunha protesta que terá lugar diante de San Caetano en Santiago de Compostela para reclamar á Xunta de Galicia o financiamento necesario para rematar a residencia «Miña Casa, Miña Comunidade», situada en Torneiros (O Porriño). Un proxecto que contempla 40 prazas residenciais e outras 10 de centro de día, todas de carácter público, destinadas a atender persoas con discapacidade intelectual da contorna.
O proxecto está nunha fase moi avanzada pero actualmente atópase sen financiamento logo de que a entidade destinara unha parte importante dos seus aforros á súa construción, xunto con dous millóns de euros de fondos europeos e outras achegas. A falta de financiamento adicional e a obriga de devolver máis de 858.000 euros da axuda recibida, incluídos os intereses, agravaron a situación económica do proxecto e da propia asociación, que se viu obrigada a pedir un préstamo para facer fronte a este pago. ACEESCA estima, ademais, que os traballos pendentes, inicialmente valorados en 1,2 millóns de euros, encarecéronse máis dun 40 % no último ano. A entidade atópase actualmente nunha “situación crítica” tal e como lamenta a súa xerente Angeles Leirós
Baixo o lema «As nosas vidas non poden esperar. Un fogar con apoios, preto da nosa comunidade», ACEESCA reclama á Administración autonómica financiamento para finalizar a residencia, prazas residenciais próximas ás familias e recursos suficientes de atención diúrna e ocupacional e apela á sensibilidade institucional para non asfixiar un proxecto social clave no sur de Galicia, cuxo orzamento se ten invertido integramente nas obras do novo centro.
Entre as súas demandas tamén figuran unha maior transparencia na distribución dos fondos públicos e a elaboración dun mapa actualizado de recursos, prazas dispoñibles e listas de espera que permita planificar os investimentos en función das necesidades reais.
ACEESCA subliña que a falta de recursos non só afecta á autonomía, ao benestar e ás oportunidades de inclusión das persoas con discapacidade intelectual, senón que tamén incrementa a sobrecarga das súas familias. Apuntan que se trata “dun recurso imprescindible para moitas familias xa que actualmente non hai prazas dispoñibles para persoas con discapacidade intelectual na provincia de Pontevedra e animan á secundar a protesta do venres.









