Os traballos, que comezarán proximamente, inclúen a construción de muros de contención en ambas as dúas marxes. Tamén se rebaixará o talude existente para ampliar o ancho da calzada ata os 7,50 metros de media. Esta actuación, que conta cun orzamento superior aos 146.000 euros xa foi adxudicada e permitirá restaurar un tramo de 80 metros gravemente danado polos temporais.
Coa adxudicación xa resolta, o Goberno local materializa un proxecto que foi mellorado antes da súa tramitación. O cambio realizouse para ir máis aló dunha simple reparación da zona afectada e “blindar” a seguridade de toda a vía.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción por este avance que permite poñer en marcha os traballos. “Coa adxudicación destas obras damos o paso definitivo para cumprir coa veciñanza de Cabeiro. Non nos limitamos a poñer un parche onde caeu a terra; melloramos o plan inicial para ofrecer unha solución integral en ambas marxes que garantirá unha vía moito máis segura, robusta e adaptada ás necesidades da parroquia”, sinalou a rexedora.
Os traballos adxudicados abranguen unha reforma completa ao longo de 80 metros de lonxitude co obxectivo de estabilizar o terreo e previr futuros desprendementos. Na marxe dereita (sentido ascendente), construirase un muro de contención na base do talude onde se produciu o colapso de terras, con alturas variables desde 1,50 ata 5 metros, cunha cimentación profunda de ata 4,50 metros. Na marxe esquerda procederase ao rebaixe do talude existente e executarase unha nova barreira mediante un petril de pedra de granito de 50 centímetros de alto. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, puxo en valor o alcance técnico da obra que se vai executar.
Os traballos están financiados polo programa Vía Depo da Deputación de Pontevedra.









