O deporte redondelán volve deixar pegada no panorama internacional. Tania Aguilera conseguiu unha medalla de bronce no Campionato do Mundo ISKA de Deportes de Combate 2026, celebrado en Aranjuez, onde participou nas modalidades de K1 e Kick Light, na categoría feminina KL51 de máis de 65 quilos. Un resultado destacado para a deportista, que afrontaba a súa primeira experiencia mundialista despois de apenas un ano de preparación específica para competir neste nivel.
Aguilera recoñece que a competición reuniu deportistas cunha ampla traxectoria e un nivel moi elevado, a pesar de tratarse dun campionato amateur. “A maioría da xente que veu era profesional. Había persoas que xa foran seis veces campioas do mundo”, explica. Na modalidade de K1 competiron once deportistas, mentres que en Kick Light a participación foi de oito mulleres. Tres dos seus combates foron fronte a rivais de Alemaña, un país que acabou sendo protagonista na súa traxectoria polo torneo.
A medalla supón un importante recoñecemento á progresión dunha deportista que conseguiu dar o salto ao panorama internacional nun tempo relativamente curto. O seu percorrido competitivo durante este último ano comezou no Campionato Galego, continuou no de España e culminou coa participación no Mundial. Unha evolución que agora quere prolongar con novos obxectivos. “O ano que vén espero revalidar o titulo de campioa galega e campioa de España, espero conquistar o Europeo tamén”, apunta.
A redondelá adestra no ximnasio Kiap de Vigo, onde prepara as distintas modalidades baixo a dirección de Rubén e Maxi. As sesións inclúen un intenso traballo cardiovascular para gañar resistencia, exercicios de pliometría para mellorar a velocidade dos golpes e das pernas, así como prácticas de reacción, combinacións e técnicas para afrontar os ataques das rivais. Unha preparación fundamental para soportar a esixencia dos combates, nos que en ocasións apenas hai tempo de recuperación entre un enfrontamento e outro.
Precisamente, os nervios antes da primeira pelexa foron un dos momentos máis difíciles da experiencia mundialista. Porén, o traballo realizado nos adestramentos permitiulle afrontar a competición e xestionar o esforzo. “Tes que aprender a xestionarte, respirando e cos movementos: entras, cargas, fas os puntos e saes”, explica.
A súa relación cos deportes de combate vén de moito antes desta aventura competitiva. Comezou practicando taekwondo en Redondela e posteriormente pasou polo boxeo, o krav magá, o kickboxing e o kung fu. Nos últimos tempos centrouse especialmente no kickboxing, unha disciplina que a levou a adestrar en Vigo.
Aguilera tamén destaca a evolución da presenza feminina nos deportes de contacto. Asegura que cada vez son máis as mulleres que se achegan a estas disciplinas, tanto por afección como para aprender técnicas de defensa persoal ou mellorar a súa condición física. “A día de hoxe hai moita rapaza que vén aprender. Na competición pode haber máis homes, pero as mulleres xa non quedamos atrás”, sinala.
A deportista quere aproveitar esta experiencia para seguir medrando e afrontar novos retos na próxima tempada. Entre os seus obxectivos están revalidar os títulos galego e estatal e volver competir nun Mundial. Unha ambición que acompaña cunha mensaxe para todas aquelas persoas que pensan que xa é tarde para iniciarse nun deporte de combate: “Non é tarde para ningún deporte. O bonito é facer o que queres, esforzarte e seguir evolucionando. A idade non conta aquí; o esforzo é teu”.













