Os equipos sénior masculinos de Redondela completaron unha gran fin de semana con catro vitorias en catro partidos.
Primeira Autonómica masculina
SAR OPMOBILITY 31-26 AD CARBALLAL
A SAR OPmobility impúxose ao AD Carballal por 31-26 nun encontro disputado na Bomboneira, no que os locais levaron a iniciativa no marcador, aínda que tiveron que traballar ata o final ante un rival que non lles puxo as cousas fáciles. O partido comezou moi igualado, cun 7-6 nos primeiros minutos, pero os redondeláns conseguiron marchar aos vestiarios cunha vantaxe de tres goles (16-13). Na segunda metade, o Carballal mantívose preto no marcador, chegando ao minuto 40 cun 19-17. Porén, un bo tramo ofensivo dos locais permitiulles ampliar a diferenza ata o 25-20 no minuto 45 e xestionar a renda nos últimos compases para pechar o encontro co definitivo 31-26.
Con este triunfo, a SAR continúa líder e invicta na competición. Na próxima xornada visitará o UB Lavadores.
BALONMÁN CHAPELA 39-31 BM LÍNEA 21
O Balonmán Chapela tamén sumou dous puntos tras superar na casa o BM Línea 21 por 39-31. Foi un partido emocionante e moi igualado durante boa parte do encontro, ata o punto de que os dous equipos chegaron ao descanso empatados a 17 goles. Na segunda metade mantívose a igualdade, pero a partir do minuto 45 os locais conseguiron impoñer o seu ritmo e abrir diferenzas no marcador. A vantaxe foi medrando nos últimos minutos ata alcanzar os oito goles de diferenza do resultado final.
Con esta vitoria, o Chapela consolídase na terceira posición da clasificación, con 12 puntos. Na próxima xornada desprazarase á pista do Balonmán Moaña.
Segunda Autonómica masculina
ASMUBAL MEAÑO 25-39 SAR GLOBALMAR
A SAR Globalmar comezou a súa esixente fin de semana cunha contundente vitoria a domicilio ante o Asmubal Meaño por 25-39. Os redondeláns dominaron o encontro de principio a fin e amosaron unha gran capacidade ofensiva, con 39 goles anotados, para levar os dous puntos sen dar opcións ao conxunto local.
SAR GLOBALMAR 32-20 CP LUCENSE
O equipo redondelán completou o dobre compromiso ligueiro cun segundo triunfo, esta vez na Bomboneira ante o CP Lucense, no encontro correspondente á xornada 8 que fora aprazado. Os visitantes comezaron por diante (1-3), pero a SAR foi gañando terreo nunha primeira metade bastante igualada. Co empate a oito goles no minuto 23, os locais deron un paso adiante e conseguiron un parcial de 5-0 que lles permitiu marchar ao descanso cunha vantaxe de cinco tantos (13-8). Na segunda metade, a Globalmar mantivo o control do partido e ampliou progresivamente a diferenza ata o definitivo 32-20.
Deste xeito, o equipo pecha unha fin de semana perfecta con dúas vitorias e catro puntos. Na próxima xornada recibirá na Bomboneira o Balonmán Abegondo, actual colíder da competición, nun importante duelo ligueiro.









