Hoxe é Mércores 25 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

SAR Rodavigo afronta tres partidos decisivos para pechar o ano

844670886_1709303027871284_4654311674692072715_n

Foto de Patry Rivas

O SAR Rodavigo afronta unha nova tempada na División de Honra Prata Feminina, na que o conxunto redondelán volve competir entre os equipos máis destacados. Despois das oito primeiras xornadas, o equipo ocupa unha posición cómoda na zona media da clasificación, cun balance de tres vitorias, un empate e catro derrotas.

A súa adestradora, Verónica Posada, fai unha valoración positiva deste primeiro tramo da competición, aínda que recoñece que o equipo tivo que superar dificultades para adaptarse ás baixas e ás novas circunstancias da plantilla. “O balance é bo de momento. Estamos nunha posición cómoda, en metade da táboa”, sinala.

A técnica considera que os resultados negativos chegaron principalmente ante os conxuntos máis fortes da categoría, que previsiblemente loitarán polo ascenso á División de Honra Ouro. Por iso, pon o foco nos tres próximos encontros, que considera determinantes para definir as aspiracións do equipo antes do Nadal. “Estas tres xornadas van decidir se podemos seguir nesta posición cómoda e chegar ao parón para traballar coa intención de loitar por estar o máis arriba posible ou se temos que pelexar pola permanencia”, explica.

O corpo técnico está a dar entrada a xogadoras do equipo xuvenil. A adestradora admite que o proceso de adaptación está a levar tempo, pero considera que o equipo comeza a atopar solucións. “Pouco a pouco estamos reforzándonos como equipo. Creo que estamos nun período de solución”, apunta.

Posada destaca tamén a capacidade competitiva das xogadoras e lembra que o SAR perdeu por só dous e tres goles ante equipos da zona alta como Leganés e Getasur. “Quitando o partido contra o Carballal, estamos competindo ben. O equipo sae á pista e loita, como sempre. Son unhas loitadoras e demostraron que queren traballar ata o final”, afirma.

Un derbi complicado ante o Carballal

O último compromiso ligueiro, ante o Carballal na Bomboneira, rematou cunha derrota por 19-27. Un encontro complicado no que Verónica Posada non puido sentar no banco debido a unha sanción dun partido como espectadora, derivada dun comentario realizado desde a bancada durante un encontro da liga masculina.

A adestradora recoñeceu que foi unha situación atípica e que resultou difícil transmitir indicacións ao equipo desde fóra da pista. O SAR chegou a estar nove goles por baixo no marcador durante a primeira metade e, malia conseguir reducir distancias tras o descanso, non puido cambiar o resultado.

“Foi un partido complexo. Tivemos erros nos lanzamentos e nos sete metros, e chegar ao minuto vinte cun 9-1 no marcador condicionounos moito”, explica Posada, que considera que o equipo debe pasar páxina deste encontro e centrarse nos próximos desafíos.

Tres partidos decisivos antes do Nadal

O primeiro dos compromisos será esta fin de semana na pista do Perdoma en Canarias, un equipo que se reforzou nos últimos meses. Posada afronta o encontro con respecto, pero coa convicción de que o SAR debe buscar os dous puntos.

“Imos con moito respecto, pero tendo claro que temos que sacar ese partido”, sinala a adestradora. Despois chegará o Valsequillo, recentemente ascendido, que visitará o Pavillon Municipal da Bomboneira, e o calendario pecharase ante o Fuentes Carrionas, actual pechacancelas da clasificación.

Tres encontros nos que o conxunto redondelán quere confirmar a súa recuperación e afastarse da zona baixa. A técnica confía na resposta das xogadoras e considera que o equipo está preparado para afrontar este tramo decisivo da competición.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará