Hoxe é Martes 24 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A rapazada reclama máis espazos de xogo inclusivos e lugares de lecer para a mocidade no pleno infantil

pleno infnatil

O alumnado pediu parques adaptados, zonas cubertas para poder xogar os días de chuvia e máis instalacións deportivas. A alcaldesa anunciou que xa está en marcha o proxecto dun novo parque con xogos adaptados e que está previsto reabrir o Espazo Xove habilitado no Multiúsos da Xunqueira, que tivo que pechar “polos reiterados desfeitas rexistradas na sala e por outros actos graves de vandalismo no edificio”.

Máis parques inclusivos, zonas de xogo cubertas, espazos públicos de lecer para a mocidade e máis pistas deportivas. Estas foron algunhas das principais reivindicacións que os nenos, nenas e adolescentes de Redondela trasladaron esta mañá á alcaldesa, Digna Rivas, durante a celebración do pleno infantil no auditorio do Xunqueira no que participou alumnado dos colexios CEIP Alexandre Bóveda, Quintela, Reboreda, CEP Santa Mariña e Colexio Vigo, así como dos institutos Illa de San Simón e Pedro Floriani e Uxío e Pau, representantes do grupo Axentes do Cambio, o órgano de participación infantil e xuvenil do Concello.

A sesión estivo centrada este ano no lema «O dereito ao xogo». Unha das demandas nas que coincidiron os escolares foi a necesidade de contar con máis espazos de xogo non excluíntes, con zonas e equipamentos adaptados para nenos e nenas con diversidade funcional. Tamén reclamaron cubrir algún dos parques infantís existentes para poder utilizalos durante os días de chuvia e garantir así alternativas de lecer ao aire libre durante todo o ano.

Pola súa banda, os representantes da adolescencia puxeron o foco na falta de espazos públicos específicos para a mocidade. Reclaman lugares nos que poder reunirse, relacionarse e desenvolver actividades de lecer sen ter que acudir necesariamente aos bares. Tamén pediron máis pistas deportivas onde practicar diferentes disciplinas.

Compromisos do Concello

A alcaldesa, Digna Rivas, comprometeuse a estudar as peticións que son competencia municipal e a darlles resposta. Neste sentido, anunciou que xa está en marcha o proxecto dun novo parque infantil con xogos adaptados, unha das demandas formuladas pola rapazada.

Rivas tamén lembrou o investimento que realiza cada ano o Concello na mellora dos parques infantís e doutros espazos públicos, aínda que advertiu de que os actos vandálicos provocan que algunhas instalacións resulten danadas pouco despois da súa posta en funcionamento.

Como exemplo, referiuse ao Espazo Xove habilitado no Multiúsos da Xunqueira, que tivo que pechar polas reiteradas desfeitas rexistradas na sala e outros actos graves de vandalismo no edificio. A rexedora asegurou, non obstante, que a intención municipal é volver poñer en marcha este espazo.

Ademais, animou os nenos, nenas e adolescentes a achegar propostas para organizar actividades e obradoiros dirixidos á mocidade, tanto no núcleo urbano como nas diferentes parroquias, co obxectivo de ofrecer alternativas de ocio e participación adaptadas aos seus intereses.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará