Hoxe é Martes 24 de Novembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Castelo de Soutomaior abre o prazo de inscrición para as súas actividades de Nadal

visitas guiadas

A Deputación de Pontevedra abriu hoxe martes, 24 de novembro, o prazo de inscrición nas actividades de Nadal organizadas no Castelo de Soutomaior. A programación inclúe visitas teatralizadas, obradoiros creativos e gastronómicos e unha aventura infantil para descubrir os xardíns do castelo da man dun elfo.

Unha das actividades destacadas serán as visitas teatralizadas, que ofrecerán un total de 750 prazas para coñecer a historia e o patrimonio do castelo dunha maneira diferente e dinamizada. Terán lugar os días 4, 5, 6 e 8 de decembro, en tres quendas (12:30, 16:30 e 17:30 horas), e os días 12, 13, 19, 20, 26, 27 e 30 de decembro, así como o 2 e o 3 de xaneiro de 2027, en dúas quendas (12:30 e 16:30 horas). Cada quenda contará con 25 prazas e a idade mínima para participar será de oito anos.

O programa inclúe tamén diferentes obradoiros dirixidos ao público infantil. O primeiro será o de decoración de Nadal, o 5 de decembro ás 16:45 horas, no que as nenas e os nenos aprenderán a utilizar elementos da natureza para crear adornos propios destas datas.

O 13 de decembro, tamén ás 16:45 horas, celebrarase o obradoiro de postais, unha actividade na que a cativada poderá elaborar tarxetas para compartir bos desexos. Pola súa banda, o 26 de decembro será a quenda do obradoiro de candeas, no que aprenderán a elaborar e decorar candeas con láminas de cera de abella e adornos naturais para celebrar a chegada do Aninovo.

Estas tres propostas están recomendadas para nenos e nenas de entre catro e doce anos, contan con 20 prazas cada unha e teñen unha duración dunha hora.

A programación completarase con dúas actividades máis. O 20 de decembro ás 16:45 horas desenvolveranse As aventuras do Nadal: as trasnadas do elfo, unha proposta de hora e media na que as familias deberán seguir as pistas dun elfo escapado do Polo Norte, descifrar as súas mensaxes e descubrir onde se agocha para convencelo de regresar a tempo para a Noiteboa. Haberá 25 prazas e está recomendada para nenos e nenas de entre catro e dez anos.

Finalmente, o 30 de decembro ás 16:45 horas terá lugar o obradoiro de cociña de Reis, no que os participantes poderán descubrir ingredientes, compartir a mesa e preparar doces típicos destas datas. A actividade durará unha hora, estará dirixida a nenos e nenas de entre catro e dez anos e contará con 20 prazas.

Na procura de Nico, unha aventura polos xardíns do castelo

Outra das propostas destacadas deste Nadal será Na procura de Nico, unha experiencia infantil que convida as familias a descubrir os xardíns e os espazos exteriores do Castelo de Soutomaior a través do xogo, as pistas e as historias de fantasía.

A aventura estará protagonizada por Nico, un elfo revoltoso que chega ao castelo na procura dunha camelia. Pero, ao entusiasmarse, perde as sementes brillantes que levaba no seu saco e deixa un rastro de pistas polo xardín. As familias deberán seguir o percorrido e superar pequenos desafíos para axudalo a recuperar as sementes.

A actividade terá lugar o 29 de decembro ás 16:00 horas, durará 45 minutos e ofrecerá 25 prazas para nenos e nenas de entre cinco e once anos. A iniciativa permitirá, ademais, achegar os máis pequenos á riqueza botánica do recinto, ás diferentes especies arbóreas e á natureza que rodea o castelo.

As inscricións para todas as actividades estarán dispoñibles a partir deste martes 24 de novembro a través da páxina web do Castelo de Soutomaior.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará