Un dos piares fundamentais da acción local de Cruz Vermella en Redondela é a atención a persoas maiores. Pensando neste sector da sociedade, nas próximas semanas poranse en marcha distintos talleres gratuítos, todos en horario de mañá, dirixidos a maiores de 65 anos. Tamén se mantén o programa de atención a persoas inmigrantes con clases de español e orientación legal e ofrécense talleres gratuítos de apoio escolar.
Entre as actividades pensadas para as persoas maiores destacan “Memoria e Memoria interactiva”, “Animación á lectura”, “Ioga e meditación” ou “Punto de Cruz”. Ademais, desenvolverase todos os xoves un taller de memoria (a parte do de Redondela) no Círculo Cultural de Chapela, en horario de 11.30 a 12.30 horas. Con estas actividades, preténdese estimular as capacidades cognitivas, promover a socialización e mellorar a calidade de vida dos participantes.
Por outra banda mantense o programa de atención a persoas inmigrantes que busca facilitar a súa integración na sociedade. A través deste proxecto, Cruz Vermella ofrece clases de español, orientación legal e actividades culturais. Estas iniciativas permiten ás persoas participantes mellorar a súa comunicación, acceder a recursos básicos e fortalecer a súa autonomía persoal.
Desde a área de mocidade, Cruz Vermella impulsa actividades dirixidas a nenos, nenas e adolescentes, como apoio escolar, con talleres lúdico-educativos e espazos de convivencia que fomentan valores como a solidariedade e o respecto.
E todo iso, sen esquecer o Punto de Atención Laboral, un espazo destinado a persoas en procura activa de emprego, que proporciona orientación profesional, formación en ocupacións con saída laboral, asesoramento personalizado e acompañamento en todo o proceso de inserción laboral.
Todas as persoas interesadas nalgunha das actividades que Cruz Vermella desenvolve en Redondela poden solicitar máis información chamando ao 986 32 56 00, a través do correo redondela@cruzroja.es ou nas oficinas da organización na Praza José Figueroa, 3, 36800, Redondela.









