Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Militares e democracia, a debate no Multiúsos

republica

O Colectivo Republicano de Redondela celebra este mércores ás 19:30 horas no Multiúsos un acto que inclúe dúas partes, unha palestra arredor da milicia e a democracia e a presentación dun libro que é unha crónica sobre os militares leais á II República.

No acto participan Floren Dimas, oficial do Exército do Aire, paracaidista, investigador e historiador, cunha longa traxectoria como animador de colectivos de militares demócratas e de asociacións de recuperación da memoria democrática do antifranquismo; con el estará o editor, investigador e historiador, Antón Mascato, presidente da Asociación pola Memoria Histórica do Grove e o tamén investigador grovense Xosé Manuel López Franco, autor da obra que se presenta neste mesmo acto. Os poñentes desta palestra debaterán sobra a democracia dentro das forzas armadas; sobre a lexitimidade e a obriga ética de non obedecer unha orde inxusta que atenta contra os dereitos humanos; ou sobre a viabilidade dun Exército profesional no que a xerarquía se somete sen reservas ao poder da representación popular, democrática.

Na segunda parte deste acto, o autor da obra “Manuel López Pinal. Crónica dun radiotelegrafista da Flota Republicana”, editado por Lobisome Producións, relata a importancia da clase de tropa na mariña republicana que non se subleva contra as autoridades da República, e mesmo detén en moitos casos aos seus superiores golpistas. Faino a través da figura do cabo especialista en radiotelegrafía da Armada, o galego Manuel López Pinal, que sería vicepresidente do Comité Central da Flota, un dos máis destacados protagonistas do mantemento de moitos dos buques baixo control do ministerio de Mariña do goberno lexítimo.  Esta obra é, en realidade, a crónica da mariña de guerra de 1936 a 1939, e dos comités de cabos que toman o control dos seus barcos, neutralizando aos seus oficiais sublevados. Persoal de tropa que maioritariamente eran mariñeiros nacidos en Galicia.

O acto, con entrada libre ata completar o aforo, conta coas medidas de saúde pública vixentes na data da súa celebración.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará