Hoxe é Domingo 8 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Máis de 12.000 redondeláns desprázanse cada día a Vigo en coche particular

RR_Noticias

Unha media de 93.018 condutores entran cada día no centro urbano de Vigo polos seus diferentes viarios de acceso. Deles, un 13,5%, o que son máis de 12.500, proceden do municipio de Redondela. A vía máis utilizada para acceder á cidade olívica é a autoestrada AP-9, actualmente ó bordo da saturación.

Un amplo estudo elaborado polo Valedor do Cidadán conclúe que máis de 93.000 condutores de desprazan cada día a Vigo, a maioría deles por motivos laborais. Máis dun 13% destes coches proceden de Redondela. Outro 25% ten a súa residencia no Val Miñor e o 19% procede das propias parroquias e barrios vigueses, como Teis, Coruxo, Saiáns, Candeán, etc. Desde a Louriña chegan un 11%, do Morrazo son o 9% e do Baixo Miño un 7%. A maioría dos desprazamentos prodúcense a diario (69%) e por motivos de traballo (67%), mentres que as compras representan case dúas de cada dez (18,1%). A vía máis utilizada para entrar no municipio vigués é a autoestrada AP-9, que concentra o 32% das viaxes, principalmente dos vehículos que proveñen do Morrazo e da zona de Redondela (Redondela, Soutomaior e Pazos de Borbén).Este informe sobre o tráfico que accede a Vigo ten como obxectivo estudar a necesidade de crear aparcadoiros disuasorios nas entradas da cidade, unha iniciativa que apoia a práctica totalidade do milleiro de automobilistas enquisados. Unha ampla maioría das persoas preguntadas neste estudo do Valedor do Cidadán considera que tanto a gratuidade do servizo como a vixilancia e a existencia de frecuencias suficientes dos autobuses para chegar a tempo aos destinos son os principais factores que animarían ao uso do estacionamento. Entre as observacións achegadas polos enquisados figuran a necesidade de que o transporte sexa barato e sexa eficaz, así como que o prezo estea bonificado ao usar o aparcadoiro. No entanto, algúns comentarios fan mención de que unha coordinación entre os servizos de transporte interurbanos cos urbanos evitaría a necesidade de aparcadoiros disuasorios.
O Valedor propón construír un estacionamento na avenida de Madrid á altura do Seminario e outro en Teis, para o que se expón colaborar co Centro Comercial Travesía para utilizar o seu estacionamento.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará