Redondela conmemorou este mércores, 25 de novembro, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto institucional de carácter interxeracional e participativo celebrado no Auditorio da Xunqueira. O encontro reuniu alumnado e profesorado de centros educativos, usuarias dos centros de día, representantes de asociacións e responsables municipais nunha xornada dedicada a recuperar a memoria das mulleres maiores do municipio e a reforzar o compromiso colectivo contra todas as formas de violencia machista.
O acto, presentado pola concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, puxo o foco na importancia de unir xeracións para dar voz ás mulleres e visibilizar tanto as violencias que sufriron como o traballo, moitas veces silencioso, co que contribuíron a soster as familias e a sociedade. Na apertura, Vilaboa destacou a necesidade de “visibilizar as violencias invisibles e o traballo silencioso das mulleres que sostiveron a vila”.
Un dos eixes centrais da programación foi o proxecto interxeracional A nosa memoria, no que participaron alumnos e alumnas e docentes dos CEIP Santa Mariña, Igrexa, Reboreda e Quintela, xunto con persoas usuarias dos centros de día Coidamos de Ti e Os Cortizos, de Redondela e Chapela.
O alumnado traballou na elaboración e lectura de textos dedicados ás súas avoas e bisavoas, a partir de vivencias e testemuñas reais que permitiron recuperar as experiencias de mulleres que desde nenas tiveron que facer fronte á discriminación, á falta de oportunidades e á desigualdade. Os relatos lembraron tamén o seu traballo nos coidados familiares, no campo e no mar, así como os sacrificios realizados para que as seguintes xeracións puidesen medrar con máis liberdade e oportunidades.
Entre as frases compartidas durante o acto destacaron mensaxes como “Os homes tiñan oportunidades, as mulleres soños” ou “Os nenos tiñan tempo libre, as nenas traballo”, que resumiron a realidade vivida por moitas mulleres e a importancia de non esquecer o camiño percorrido na conquista de dereitos.
As propias mulleres maiores tiveron tamén un papel protagonista a través dunha intervención artística sobre unha peza de roupa tradicional, na que incorporaron fotografías das súas vidas. A creación converteuse así nun soporte para compartir lembranzas, experiencias e momentos da súa historia persoal, reivindicando o valor da memoria colectiva como ferramenta para recoñecer o labor das xeracións anteriores e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

A programación arrancou coa lectura do manifesto institucional do 25N, elaborado de maneira conxunta pola Asociación Lenda de Saúde Mental, a Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional e as profesionais do Servizo de Atención Temperá Paula Hernando, Andrea Álvarez e Paula Freire. A iniciativa incorporou diferentes voces e experiencias á reivindicación colectiva, facendo especial fincapé na diversidade, na inclusión e na necesidade de non deixar a ninguén atrás.
O programa cultural completouse coa intervención poética do grupo redondelán As Silenciadas e coa representación da peza Arroz con leite eu quero casar…, da artista Neves Seara. A través da linguaxe simbólica do corpo e da acción artística, a performance afondou nos roles de xénero que se transmiten desde a infancia.


Na súa intervención de clausura, a alcaldesa Digna Rivas agradeceu a participación de todos os colectivos e centros implicados e destacou a importancia do intercambio entre xeracións. Dirixíndose especialmente á rapazada, pediulles que “lembren sempre as desigualdades e a discriminación que sufriron as súas avoas e bisavoas para que non se repita”.
Rivas lembrou tamén a magnitude da violencia machista a través das cifras de mulleres asasinadas: 47 no que vai de ano e 1.388 desde que existen rexistros. Unhas cifras que, segundo sinalou, non poden reducirse a simples estatísticas, xa que detrás de cada número hai “vidas truncadas, mulleres con nomes e apelidos, con familias, con amizades e con soños roubados”.
En relación coa campaña municipal deste ano, baixo o lema GAME OVER. A violencia machista non é un xogo, a rexedora advertiu de que a violencia contra as mulleres “non é un entretemento nin un asunto menor; é unha vulneración grave dos dereitos humanos que require dunha resposta firme de toda a sociedade”.
A xornada rematou coa tradicional ofrenda floral na árbore Ginkgo Biloba da rúa Salgueiral, símbolo de resistencia e esperanza, nunha homenaxe ás vítimas da violencia machista e como expresión da vontade de manter vivo o compromiso colectivo para construír unha sociedade libre de violencia contra as mulleres.

O IES Pedro Floriani leva a reivindicación do 25N á rúa
A conmemoración do 25N estivo tamén presente fóra do acto institucional, coa iniciativa do alumnado do IES Pedro Floriani, que se achegou ao exterior do Multiúsos da Xunqueira cunha pancarta e repartiu panfletos informativos para trasladar á rúa a súa reivindicación contra a violencia machista.
A docente Rute Cortizo explicou que no instituto celebraran a xornada cun programa propio que incluíu a actuación do coro escolar, coa interpretación da canción A porta violeta, de Rozalén, unha actividade do alumnado de oratoria e a lectura dun manifesto.
Unha vez rematadas as actividades no centro, decidiron saír ao exterior para “sacar o 25N fóra do IES” e facer partícipe á cidadanía da súa mensaxe. O alumnado repartiu panfletos nos que reivindicaba a figura de Begoña Caamaño, xornalista, feminista, sindicalista e militante da liberdade sexual, e se definía como “netas de Circe e fillas de Morgana”, herdeiras da súa dignidade e “ferreiras dun mundo mellor”.
No manifesto, elaborado polo alumnado, denunciaban a violencia machista en todas as súas formas e a LGTBIQ+fobia que “violenta os nosos corpos e as nosas identidades”. Tamén reivindicaban a lingua galega como ferramenta de expresión, conciencia de clase e solidariedade estudantil. O texto remataba cunha chamada á “destrución do patriarcado e do capital” e co berro “Viva a loita feminista!”.
A pancarta e os materiais informativos foron elaborados coa colaboración do alumnado do Bacharelato de Artes, nunha acción coa que estudantes e profesorado quixeron levar á rúa a súa reivindicación e visibilizar o compromiso da mocidade coa igualdade, a diversidade e a loita feminista.

















