As Asociación denuncian que a estrada que dá acceso ao colexio de Porto Cabeiro permanece nun estado moi deteriorado tras un mes sen actividade nas obras, con fochancas e barro que dificultan o tránsito de vehículos e o acceso das familias ao centro escolar. As entidades veciñais reclaman explicacións ao Concello e medidas urxentes para garantir a seguridade. Cuestionan as datas elixidas para a obra: en pleno curso escolar e con chuvias que están a emporar o estado da calzada.
As asociacións de Vilar de Infesta denuncian a falta de transparencia e participación veciñal na planificación e execución detas obras. Cuestionan tamén o calendario escollido para executar os traballos, xa que as obras, que segundo o cronograma do proxecto deberían comezar en agosto e rematar en novembro, acabaron desenvolvéndose durante o outono e en pleno curso escolar. As choivas das últimas semanas agravaron as consecuencias da intervención: parte da zahorra empregada nas zanxas foi arrastrada pola auga e estendeuse pola estrada, provocando a aparición de numerosos baches e un importante deterioro da calzada.
A situación preocupa especialmente polo uso da vía, pola que circulan os autobuses escolares e os vehículos das familias que levan e recollen os nenos e nenas no colexio Porto Cabeiro. As entidades consideran que non se adoptaron medidas suficientes para garantir unhas condicións de circulación seguras mentres se desenvolvían os traballos.
Outro dos motivos de queixa é a falta de comunicación coa Administración local. Os veciños afectados solicitaron a celebración dunha reunión explicativa para coñecer as características concretas do proxecto, as actuacións previstas e o calendario de execución, pero, segundo denuncian, o Concello non atendeu esta petición.
As asociacións consideran especialmente preocupante que as obras permanezan paralizadas durante un mes sen que se informase previamente da situación á veciñanza nin ás entidades que levan anos reclamando melloras nesta infraestrutura.
Por todo isto, a Asociación de Veciños San Martiño de Vilar esixe ao Concello que facilite toda a documentación relativa ao proxecto, incluídos o seu alcance, a planificación, os mecanismos de control e o estado actual dos traballos. Tamén reclama que se convoque de inmediato a reunión solicitada e que se estableza un calendario claro para a continuación e finalización das obras.
Entre as súas demandas figura igualmente a adopción de medidas urxentes para acondicionar a estrada, reducir as molestias ocasionadas polas obras e garantir o acceso seguro tanto ao colexio como ás vivendas da zona. Ademais, piden establecer unha canle permanente de comunicación e participación na que estean representados os residentes, o centro educativo e as asociacións.
As entidades veciñais aclaran que non se opoñen á realización das obras nin á mellora das infraestruturas, senón á maneira na que se está a desenvolver a actuación.














