Foro do REdondela FS Rodavigo
O fútbol sala da contorna deixou unha xornada con moitos goles e resultados destacados nas distintas categorías. O Redondela FS Rodavigo impúxose ao Pecheches FS nun partido no que se resxitraron 14 tantos, o Pazos de Borbén FS venceu o Alto do Vento e o Arealonga FS Chapela goleou a domicilio para colocarse líder da Primeira Futgal.
Terceira División Nacional
REDONDELA F.S. RODAVIGO 8 – 6 PECHECHES FS “A”
O Redondela FS Rodavigo conseguiu unha traballada vitoria por 8-6 ante o Pecheches FS “A” nun encontro marcado pola igualdade, as alternativas no marcador e o elevado número de ocasións ofensivas.
O conxunto redondelán comezou por detrás, cun 0-2 en contra, pero reaccionou para darlle a volta ao resultado e situarse 3-2. A partir de aí, o partido converteuse nun intercambio constante de goles, con vantaxe local que o rival conseguía neutralizar. Cando o marcador reflectía un empate a seis tantos, un dobre penalti a falta de 30 segundos permitiulle ao Redondela FS recuperar a dianteira. Pouco despois, co Pecheches arriscando na procura do empate, chegou o definitivo 8-6.
O adestrador Fer Pitart destacou o carácter aberto do encontro, con numerosas ocasións nas dúas áreas. Segundo explicou, foi un partido de “idas e voltas, con moitos goles e moitas accións de ataque”, fronte a un rival que propuxo xogo, competiu e correu moito.
Con este triunfo, o Redondela FS sitúase na sexta posición da clasificación, con 10 puntos. Na próxima xornada volverá xogar na casa, onde recibirá o Marín Futsal.
S.D. PAZOS DE BORBEN FS 9 – 5 ALTO DO VENTO F.S.
A SD Pazos de Borbén FS sumou tres puntos importantes ao vencer por 9-5 o Alto do Vento FS. O equipo dirixido por Pablo Durán afrontaba un encontro de especial importancia e respondeu cunha actuación seria diante da súa afección.
O conxunto local levou a iniciativa para asegurar unha vitoria ampla, con nove goles repartidos entre varios xogadores. Aarón e Botana anotaron dous tantos cada un, mentres que Simón, Pereira, Luis, Diego e Costas completaron a goleada.
O club celebrou o resultado nas súas redes sociais e destacou a seriedade do equipo para conseguir os tres puntos diante da súa xente.
O Pazos de Borbén mantense na quinta posición, con 12 puntos, e afrontará agora unha das saídas máis esixentes da tempada. Na próxima xornada visitará o Carballiño FS no pavillón de deportes Pacho Chao, onde se medirá ao líder da categoría.
Preferente
C.D. BEADE 1 – 5 CAMPITO CHAPELA F.S.
O Campito Chapela FS conseguiu unha clara vitoria por 1-5 na pista do CD Beade. O equipo berete mostrou a súa eficacia ofensiva e regresou cun triunfo construído cos goles de Hugo, autor de dous tantos, Nicolás, Víctor e Daniel.
A próxima xornada traerá un derbi da contorna, xa que o Campito Chapela visitará o Pazos de Borbén FS “B”, nun duelo entre dous equipos que buscarán sumar puntos importantes.
S.D. ABETOS GONDOMAR FS 4 – 4 REDONDELA FS – SAMOA CAFÉ & TAPAS “B”
O filial do Redondela FS empatou 4-4 na pista da SD Abetos Gondomar FS. Pedro, Lucas, Noé e Uxío foron os autores dos tantos do equipo redondelán, que sumou un punto nun encontro equilibrado.
Na seguinte xornada, o filial recibirá o Quinta de Tui FS, coa intención de volver sumar unha vitoria.
C.V.C. VALLADARES 3 – 2 S.D. PAZOS DE BORBEN FS “B”
A outra cara da xornada foi para o filial do Pazos de Borbén FS, que perdeu por 3-2 ante o CVC Valladares. Anxo e Ángel marcaron os dous goles do conxunto de Pazos na primeira metade, pero os seus tantos non abondaron para evitar a derrota.
O equipo terá agora a oportunidade de reaccionar no derbi ante o Campito Chapela FS, no que xogará como local.
Primeira Futgal
ESPAIN F.S. 2 – 9 AREALONGA FS CHAPELA
Un dos resultados máis contundentes da xornada chegou na Primeira Futgal, onde o Arealonga FS Chapela venceu por 2-9 o Espain FS a domicilio. O equipo asinou unha gran actuación ofensiva que lle permite situarse no primeiro posto da clasificación, con 15 puntos.
Martín foi un dos grandes protagonistas do encontro ao marcar tres goles nos minutos 7, 11 e 12, nun treito de partido especialmente produtivo para os visitantes. Xabier anotou o cuarto tanto, Borja fixo o quinto e Roberto marcou o sexto. Borja volveu ver portería para establecer o sétimo, Xabier asinou o oitavo e Martín completou a goleada co noveno e último gol do Arealonga.
O triunfo reforza as aspiracións do equipo, que afrontará na próxima xornada un encontro decisivo na loita polos primeiros postos. O Arealonga recibirá o IES Coruxo “B”, segundo clasificado, nun duelo directo entre os dous primeiros da táboa.
CAMPITO CHAPELA F.S. “B” 10 – 6 F.S. AS NEVES
Na mesma categoría, o Campito Chapela FS “B” tamén protagonizou un partido con moitos goles ao impoñerse por 10-6 ao FS As Neves.
O filial berete ocupa a quinta posición da clasificación, con 12 puntos, e tentará prolongar a súa boa dinámica na próxima xornada, na que visitará o Pecheches FS “B”.










