O programa celebrarase en outubro e novembro e inclúe roteiros micolóxicos, visitas a iniciativas de xestión forestal comunitaria e unha xornada divulgativa aberta a todos os públicos. O obxectivo destas actividades é dinamizar e poñer en valor os recursos naturais e dar a coñecer iniciativas pioneiras e que están funcionando noutros municipios no aproveitamento e conservación do monte. A primeira das citas será este sábado cunha visita aos coutos micolóxicos da Mancomunidade de Vigo.
O Concello de Soutomaior acollerá os días 17 e 25 de outubro e 14 e 15 de novembro de 2026 as III Xornadas sobre recursos naturais e sostibilidade. Baixo o nome “O Mancomún” a iniciativa está destinada a promover o coñecemento do patrimonio natural, a divulgación ambiental e a xestión sostible dos montes, tal e como nos explicaba Sonia Pintos da OMIX da localidade.
A programación combina visitas guiadas, saídas micolóxicas e actividades divulgativas dirixidas ao público xeral e familiar. As propostas desenvolveranse en diferentes espazos do municipio e doutros territorios próximos, con especial atención á conservación dos ecosistemas, á identificación de especies e á prevención dos incendios forestais.
A primeira actividade terá lugar o sábado 17 de outubro cunha visita á Aula Micolóxica e Ambiental da Mancomunidade de Vigo, baixo o título Coutos micolóxico. Durante o percorrido, as persoas participantes poderán coñecer a riqueza micolóxica da zona, aprender a identificar especies locais e descubrir a historia e o funcionamento desta iniciativa de xestión comunitaria e ambiental.
Para esta actividade, o Concello habilitará un servizo de autobús con saída ás 10.00 horas da Casa do Concello e ás 10.10 horas do campo de fútbol de Salgueirón, en Arcade. O regreso está previsto para as 14.00 horas. A proposta é gratuíta e conta con 55 prazas.
O domingo 25 de outubro, a programación continuará cunha visita á comunidade de montes de Vincios, no monte Galiñeiro. O roteiro centrarase nas estratexias de planificación forestal implantadas tras os incendios de 2017 e permitirá coñecer o plan de acción da comunidade veciñal para transformar o monte nun territorio protexido e sostible.
As dúas visitas de outubro están dirixidas ao público xeral e requiren inscrición en liña, do mesmo xeito que as dúas saídas micolóxicas que se celebrarán en novembro. Concretamente o sábado 14 os montes de Soutomaior serán o escenario das saídas micolóxicas organizadas coa colaboración de MycoGalicia Plantae. A actividade incluirá explicacións sobre as especies vexetais e micolóxicas que se atopen durante o percorrido, así como tarefas de recolección e identificación de cogomelos.
Haberá dous grupos: o primeiro desenvolverase de 11.30 a 13.30 horas e o segundo, de 16.00 a 18.00 horas. Ambos están dirixidos ao público xeral e familiar, serán gratuítos e terán como punto de encontro o pavillón da Montesina ‘Alfonso Pazos’.
O programa rematará o domingo 15 de novembro coa celebración das propias III Xornadas divulgativas sobre os recursos naturais en Soutomaior. A iniciativa incluirá actividades variadas para todas as idades, cuxos detalles se darán a coñecer máis adiante. A xornada terá lugar na Casa da Cultura ‘Rexina Míguez Noval’, estará aberta ao público xeral e familiar e será de balde, sen necesidade de inscrición previa.












