Foto de Patry Rivas
O balonmán feminino de Redondela afrontou unha nova fin de semana de competición con dúas vitorias e unha derrota. A SAR Rodavigo celebrou o seu primeiro partido da tempada na casa cun triunfo que confirma o seu bo inicio de liga.
O conxunto redondelán impúxose por 22-17 ao Balonmán Gran Canaria e sumou a súa segunda vitoria na División de Honra Prata feminina, nun encontro no que as locais levaron a iniciativa durante boa parte do tempo.
As xogadoras da SAR comezaron con boas sensacións, amosando solidez defensiva e fluidez nas accións de ataque. O seu bo traballo permitiulles abrir diferenzas no marcador e chegar ao minuto 20 cunha vantaxe de 11-4. A superioridade local mantívose ata o descanso, ao que se chegou cun claro 14-6.
Tras o paso polos vestiarios, o conxunto canario aumentou a intensidade e conseguiu reducir distancias. As visitantes aproveitaron a mellora no seu xogo para achegarse no marcador ata o 17-13, obrigando a SAR Rodavigo a manter a concentración nos minutos decisivos.
O equipo redondelán soubo xestionar a vantaxe e frear os intentos de remontada do Gran Canaria para acabar pechando o encontro cun 22-17. Un triunfo importante para comezar con bo pé os partidos na casa e sumar dous puntos máis no arranque ligueiro.
Na próxima xornada, a SAR Rodavigo viaxará ás Canarias para enfrontarse ao Rocasa Gran Canaria.
Copa Federación: Goleada do CIES Obra Civil Balonmán Chapela ante o Caselas
O CIES Obra Civil Balonmán Chapela asinou unha contundente vitoria na Copa Federación feminina. O equipo recibiu o BM Caselas AISPAR no pavillón municipal Manuel González Soto e impúxose por un amplo 37-15, nun encontro dominado polas locais desde os primeiros compases.
O Chapela entrou na pista con intensidade e pronto comezou a abrir diferenzas no marcador. A superioridade ofensiva permitiulle acadar unha vantaxe importante xa no primeiro tramo do partido. No minuto 15, o resultado era de 18-9, coas locais dobrando en goles ás súas rivais.
A renda conseguida na primeira metade permitiu ao conxunto chapelán afrontar o resto do encontro con marxe, sen perder o control do xogo. Na segunda parte, a dinámica foi semellante, coas locais mantendo o dominio e ampliando a diferenza ata alcanzar o definitivo 37-15.
Un triunfo amplo para o CIES Obra Civil Balonmán Chapela, que continúa coa súa participación na competición copeira e colle confianza de cara aos próximos compromisos.
A SAR Impernoroeste pechou a fase de grupos da Copa Federación no Grupo A cunha derrota por 27-25 na pista do Balonmán Lalín. As redondelás competiron nun encontro no que comezaron levando a iniciativa, pero no que as locais conseguiron darlle a volta ao marcador antes do descanso.
O equipo visitante entrou ben no partido e chegou a situarse cunha vantaxe de 4-7. Porén, o Lalín reaccionou e foi recortando diferenzas ata completar a remontada antes do paso polos vestiarios, cun 14-11 favorable.
Na segunda metade, a SAR Impernoroeste buscou recuperar o control e achegarse no marcador. As xogadoras redondelás loitaron por manterse no encontro, pero o conxunto local conseguiu administrar a súa vantaxe ata o final, pechando o choque cun axustado 27-25.
A derrota pon punto final á participación da SAR Impernoroeste nesta fase de grupos da Copa Federación. Agora, o equipo centrarase no inicio da Liga de Primeira Autonómica, previsto para a fin de semana do 25 de outubro.









